O BNG nega "confrontación" polo galego co seu socio no bipartito e xustifica o pedir que se cumpra o PXNGL

Actualizado: viernes, 28 abril 2006 16:10

Reclama á Xunta "que elabore e poña en práctica" unha nova normativa que "garanta" o cumprimento do plan de normalización no ensino

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O deputado do grupo parlamentar do BNG e voceiro na área de Educación, Manuel Parga, rexeitou hoxe que exista "confrontación" entre a súa formación e o PSdeG, socio de goberno na Xunta, no que se refire á política lingüística a prol do galego e xustificou que a través do Parlamento de Galicia se demande o cumprimento efectivo das medidas previstas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNG).

Manuel Parga presentou hoxe dúas iniciativas do BNG dirixidas a tratar de "garantir" o cumprimento do PXNLG no ensino e que enmarcou na visión da súa formación de que o Parlamento debe ser unha institución "dinamizadora" e que "debe ser impulsor e garante do desenvolvemento" deste plan, que foi aprobado por unanimidade das forzas políticas en 2004.

O deputado nacionalista opinou que "non hai confrontación" entre BNG e PSdeG respecto ao idioma galego. Explicou que a súa formación o que fai é análise das medidas que se acordaron no pacto do Goberno, onde denunciou que aínda non se constituiu a comisión de seguemento do PXNLG, e de outras que se tomaron, como a retirada do galego nun exame tipo test nas oposicións, e que, segundo dixo, "supuxeron retrocesos respecto ao que estaban plantexadas inicialmente".

Parga apuntou que, en materia de política lingüística, "hai medidas que non se están a implementar con axilidade e sobre as que había compromiso", como no caso do referido ao avance na galeguización no ensino, pero dixo que as iniciativas parlamentarias do BNG "non se teñen que entender como confrontación".

Insistiu en que, desde o Parlamento galego, o BNG "quere impulsar que o Gobierno cumpra cos acordos establecidos porque é vital para o país". "Non hai outros motivos detrás destas iniciativas", dixo en alusión á pregunta oral e a proposición non de lei coas que se quere avanzar na aplicación efectiva do previsto no PXNLG no ensino.

O deputado nacionalista admitiu que, na relación co socio no bipartito, "pode haber percepcións distintas en canto aos ritmos e obxectivos que debemos ter, pero o que sí os une son os acordos de goberno que son moi claros". SITUACIÓN DO GALEGO

Sobre a situación do galego, Manuel Parga lembrou a comparecencia da Mesa, realizada esta mesma semana nunha comisión parlamentaria a petición do BNG, e afirmou que a formación frentista "participa e comparte as súas análises" respecto ao "retroceso" na galeguización no ensino. O deputado nacionalista insistiu na "desgaleguización" que se produce no ensino e opinou que é o momento de que "o novo goberno tronce as inercias e haxa un cambio na política lingüística que faga posible desenvolver a vida en galego en todos os eidos".

Neste sentido, Parga opinou que a educación "ten un lugar privilexiado neste proceso por permitir un cambio na restauración xeracional da lingua" e pedíu unha normativa no eido do ensino que permita "a posta en práctica" do PXNLG e permita que as medidas previstas se fagan efectivas.

Entre as medidas específicas que recolle o PXNLG e que aínda non foron aplicadas, Parga destacou a necesidade de que "o uso do galego en educación infantil non sexa inferior ao 33% nos espazos en que a lingua predominante sexa o castelán e garantir que en primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos a docencia en galego nunca sexa inferior ao 50%".

O portavoz de Educación explicou que, até o momento a normativa só obriga a que a lingua empregada en Educación Infantil sexa a maioritaria e no resto das etapas educativas obrigatorias só é preciso que se impartan dúas materias, ademais do galego, nesta lingua.

Para Parga é necesario un regulamento e unha dotación orzamentaria que permita levar adiante o Plano e deixar atrás a situación actual na que "se están a dar unha serie de pasos dubitativos. O deputado nacionalista dixo que "non hai motivo para que os pasos non se fagan con máis axilidade".