SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 May. (EUROPA PRESS) -
Os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia --BNG, PSdeG e PPdeG-- instan á Xunta a que se dirixa ao Goberno español, á Comisión Europea e ao Consello de Europa para que se inclúa a lingua galega nos informes e documentos elaborados por instancias comunitarias e que para elo consulte ás institucións de carácter sociolingüístico existentes na comunidade galega.
Así o acordaron hoxe por unanimidade os tres grupos parlametarios na Comisión de Educación e Cultura ao abeiro dunha proposición non de lei presentada polo deputado do BNG Bieito Lobeira na que puxo de manifesto a situación de "subordinación" do galego que, segundo apuntou, falan máis de 2 millóns de personas, fronte a outras linguas como o letón, que conta coa metade de falantes e si está incluido entre os documentos emitidos desde instancias europeas.
Neste senso, Lobeira defendeu que a Comisión Europea e o Consello de Europa "inclúan en informes e documentos oficiais vinculados a instancias comunitarias o idioma galego". Ao respeito, valorou que xa fora correxida no 'Eurobarómetro' a inclusión a lingua galega. "Queremos que se manteña", engadíu.
O deputado nacionalista agradeceu aos outros grupos parlamentarios o apoio á proposición non de lei coa que instan á Xunta a que a lingua galega teña nas institucións europeas "un tratamento máis respetuoso".
Pola súa banda, o deputado socialista Francisco Cerviño tamén valorou que o 'Eurobarómetro 243', que analiza as linguas minoritarias, xa correxira o erro e, subliñou, "no análisis da realidade multilingüe de Europa o galego aparece mencionado". Incidiu, non obstante, en que este erro "non volva a suceder" e avogou por que "insistir na promoción da lingua galega nas institucións europeas".
PERDA DE FALANTES
Asemade, na súa intervención, o deputado popular Maximino Rodríguez Fernández apoiou que "canto máis e mellor se promocione" a lingua mellor. Apostou tamén por que a consulta se faga, ademais de as institucións sociolingüísticas, "a todas as entidades que teñen algo que ver co galego e a maneira de valorar e medir o grao de aplicación da normativa en uso".
Nesta liña, Lobeira considerou que as organizacións sociais en defensa da lingua galega "resultan indispensables para calquer proxecto de normalización". Asemade, lembrou que o galego "é a lingua que perde máis falantes" frente ao euskera e catalán polo que fixo un chamamento para "correxir entre todos" esa perda.
REXEITADAS
Por outra banda, BNG e PSdeG reixetaron dúas proposicións non de lei do grupo do PPdeG relacionadas, nun caso, con medidas de inspección e formación para a educación para a paz e non violencia co fin de frear o acoso escolar e, noutro aspecto, para manter o mesmo apoio económico do ano pasado para a celebración da Copa do Mundo de Bicicleta de Montaña en Vigo.
No aspecto da violencia escolar, BNG e PSdeG alegaron que a actual Administración xa ten en marcha un plan integral contra a violencia nas escolas que se enmarca na liña emprendida pola Xunta para "dignificar" os centros públicos, mellorar as prácticas educativas e establecer currículums no senso destes valores.
Asemade, o deputado nacionalista Manuel Parga Núñez lembrou ao popular Roberto Castro que as cifras relacionadas con incidentes de violencia escolar as sitúan os expertos por debaixo do 10% en Galicia, do que só un 1,8% son "casos graves", fronte o 20% de incidencia xeral apuntado polo PPdeG.
Neste senso, o deputado socialista Guillermo Meijón Couselo considerou "desfasada" a proposición dos populares coa que, afirmou, "o PP recoñece que ata agora había unha ausencia total dun coordinador que levara o problema na Consellería de Educación, así como a falla de estudos e de actos sobre o tema". "O recoñece dende o momento en que está solicitando todas esas medidas", concluíu.