Bugallo insta a ver os beneficios da visita de Benedicto XVI "a 15 anos" e cre "disparatadas" as críticas

Xosé Antonio Sánchez Bugallo
EP
Actualizado: jueves, 4 noviembre 2010 14:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Nov. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considerou este xoves que os beneficios que deixará en Galicia a visita do Papa Benedicto XVI a Compostela "non hai que velos a 15 ou 20 días, se non a 15 anos", polo que considerou "disparatadas" as críticas polo custo da visita.

Nunha entrevista a TVE, Sánchez Bugallo recordou a oportunidade que suporá para Santiago a chegada dunhas 200.000 persoas e a retransmisión do evento a través de 100 canles de televisión cunha audiencia estimada de 150 millóns de espectadores.

"Os custos son os habituais dun acto deste tipo. Se viñesen os Rolling Stones teriamos que facer un plan de seguridade, un plan de aparcamento... e todo o mundo o vería ben, polo que se vén o Papa, teremos que facer o mesmo", indicou Bugallo.

Na mesma liña, o alcalde de Santiago considerou "unha moi pequena minoría" as persoas que se manifestan en contra da visita a Santiago do Sumo Pontífice, aínda que viu esta "opinión discrepante" como "absolutamente respectable".

"Este é un país libre onde hai diversidade de opinións, que sempre que se expresen de forma axeitada teñen dereito a facelo así", recordou Bugallo, ao tempo que asegurou que "máis do 99 por cento da poboación de Santiago" está "absolutamente feliz e orgullosa desta visita".

Sobre o estado da organización, o alcalde compostelano indicou que "está todo practicamente listo" e recordou que aínda existen prazas nos hoteis de Santiago ás "tarifas habituais", polo que animou a todos os que o desexen a "reservar" e acudir a Santiago.

Leer más acerca de: