SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Fundación Rosalía de Castro e Caixa Galicia asinará mañá, na localidade coruñesa de Padrón un convenio de colaboración en materia cultural. Así, ambas institucións iniciarán unha cooperación cultural estable que permitirá divulgar a obra de poeta galega máis emblemática e universal con exposicións artísticas, propiedade da Fundación Rosalía de Castro.
Deste xeito están previstas as mostras tituladas "Rosalía ilustrada", co apoio de recoñecidos artistas plásticos de Galicia, e "Verbas de Rosalía/ grafías do Rosalía", compendio do traballo co que o IES Rosalía de Castro de Santiago foi galardoado no certame "Premio de Experiencias Pedagóxicas" (primeira edición, 2005).
Ambos conxuntos expositivos mostrarán a obra da poeta en diversos espazos de Caixa Galicia e a figura e a obras de Rosalía de Castro terá así ocasión de se achegar a un público numeroso. De igual maneira, e en virtude deste acordo, Caixa Galicia participará coa Fundación Rosalía de Castro en publicacións e noutras actividades habituais.
Na sinatura do convenio, ás 12.30 horas na Casa-Museo de A Matanza, participarán a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, e o responsable de Caixa Galicia na área de Santiago de Compostela, Juan Carlos Carneiro.