SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Mar. (EUROPA PRESS) -
O ex eurodiputado do BNG Camilo Nogueira presentará mañá en Santiago de Compostela o seu libro 'A terra cantada', unha primeira antoloxía de oitenta dos seus textos políticos --intervencións parlamentarias, discursos, artigos e ensaios-- escritos a maior parte deles nos últimos anos.
A presentación terá lugar mañá, a partir das oito do serán na Galería Sargadelos de Santiago, nun acto no que o autor estará acompañado polo escritor Suso de Toro e polo responsable de Xerais, Manuel Bragado.
Precedido por un limiar, "O comezo do mundo", o libro artéllase arredor de catro capítulos que son outros tantos eixos das preocupacións políticas do autor: o primeiro, "Provincia ou nación"; o segundo, "A memoria e a amnesia"; o terceiro, "Unha revolución histórica"; e, por último, "O imperio declinante".
No primeiro dos catro capítulos o autor aborda as cuestións referidas ao desenvolvemento do movemento nacional galego, no seguinte no que reflexiona sobre as contradicións existentes sobre o papel de Galicia, Cataluña ou Euskadi dentro de España. No terceiro dos capítulos Nogueira percorre e analiza os fitos decisivos do proceso constitucional europeo recente, mentras que no último, dende a súa dilatada experiencia internacional, dá conta dalgúns dos acontecementos máis salientables da última década.
Segundo Xerais, editorial que publica esta obra, Nogueira ofrece un libro "con unidade e grande coherencia pola súa intención explícita de propoñer ao lector como fío condutor unha reflexión sobre a construción do proxecto nacional galego nos últimos dous séculos".