SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Secretaría Xeral de Política Lingüística concedeu 239 subvencións para a edición en lingua galega de materiais curriculares, para niveis non universitarios, e materiais para a formación de adultos. As axudas prevén tanto a edición en formato visual como audiovisual e sobre soportes impresos ou dixitais.
Segundo lembrou hoxe a Xunta, os destinatarios destas subvencións son as empresas mercantís do sector editorial. O departamento de Marisol López concedeulles o financiamento de proxectos a 23 entidades.
A contribución económica de Política Lingüística para fomentar a edición en lingua galega é dunha contía máxima total de un millón de euros. Así, as axudas concedidas oscilan entre os 2.000 e os 6.000 euros, en función das características de cada proxecto. En ningún caso, o importe da subvención pode superar o custo total da publicación.
Os traballos presentados para acceder a estas axudas tiñan como requisitos a utilización correcta da lingua galega e facer unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares para os materiais editados en soporte impreso, ou 500 exemplares para os traballos editados en soporte dixital ou audiovisual (webs, CD interactivos, DVD, etc.).
Na convocatoria deste ano, presentáronse un total de 376 solicitudes, pero finalmente son case 240 proxectos editoriais benefícianse das axudas de fomento da edición en galego.
Á hora de conceder as subvencións déuselle prioridade á edición de materiais didácticos curriculares de materias non consideradas de uso obrigatorio en galego, aos recursos didácticos en lingua galega destinados á formación de adultos e á edición en soportes dixitais; uns criterios incorporados por primeira vez na convocatoria deste ano.