SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Feb. (EUROPA PRESS) -
A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará hoxe, ás cinco da tarde, a súa tertulia mensual neste caso arredor do tema 'Ensinar literatura', no que participarán tres ponentes que están vinculados co ensino e coa escritura.
Segundo informou a institución cultural, o encontro abordará temas como a presenza da literatura nas aulas e a experiencia derivada do seu ensino, así como as estratexias para conseguir un coñecemento desta materia entre o alumnado.
O acto contará coa participación de Xosé Antonio Ponte Far, catedrático de literatura española, xefe do Departamento de Lingua Española e Literatura do IES Concepción Arenal de Ferrol e gañador do premio de investigación Torrente Ballester; de Xosé Manuel García Trigo, profesor de ensino secundario, escritor, colaborador en diversos medios de comunicación e crítico literario; e de María Xesús Fernández, mestra no CEIP de Perillo-Oleiros, socia fundadora de Galix e colaboradora habitual das revistas Clij e Fadamorgana, nas que exerce a crítica literaria de literatura infantil e xuvenil.
Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de Cultura Galega (www.culturagalega.org).