Celanova acollerá o domingo a entrega do XXII Premio 'Casa dos Poetas' ao pintor Virxilio

Actualizado: miércoles, 30 agosto 2006 19:05

OURENSE, 30 Ago. (EUROPA PRESS) -

A localidade ourensá de Celanova acollerá este domingo os actos de entrega do XXII Premio 'Casa dos Poetas', que recaeu no pintor Virxilio. Nesta xornada estarán presentes a presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, os escritores Xosé Luis Mendez Ferrin e Xosé Neira Vilas; así como outros persoeiros.

Os actos programados comezarán cunha recepción no Concello de Celanova ao premiado, onde se aproveitará para facer unha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro, en lembranza do 27 aniversario da súa morte.

O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín é o encargado nesta ocasión de pronunciar unhas palabras que darán paso a un pequeno recital de poemas de Celso Emilio e Curros Enríquez. O acto estará amenizado coa intervención do grupo "O gaiteiro de Penalta".

Ás 12.30 horas realizarase a entrega do premio na Casa dos Poetas, que contará coa presencia do galardoado, quen recibirá unha placa e unha medalla de prata, coa imaxe da fachada da casa e as letras "C" (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices). Asemade, Virxilio asinará no libro de honra da Fundación Casa dos Poetas.

Neste acto, ademais de participar Xosé Neira Vilas, quen dirá unhas palabras, asistirán Dolores Villarino, presidenta do Parlamento galego; Antonio Mouriño Villar, presidente da Fundación Casa dos Poetas, e o ex conselleiro José Luís Cochón, por petición persoal de Virxilio.

As actividades rematarán cun 'xantar literario' con Virxilio, que terá lugar na Horta da Palabra e no que poden participar todos os que queiran previo pago de 19 euros.