SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Ago. (EUROPA PRESS) -
O Concello de Santiago de Compostela informou de que, por mor da choiva, o espectáculo "Galicia Máxica", que se viña representando no Paseo de central da Alameda ás 22.45 horas, adianta a hora de inicio para as 21.00 horas e trasládase para o Teatro Principal.
O espectáculo, ademais de hoxe, continuará representándose o días 21, 22 e 23 de agosto, no Paseo Central da Alameda, se as condicións o permiten; en caso de choiva trasladarase para o Teatro Principal, na Rúa Nova, ás 21.00 horas.
"Galicia máxica", producido pola Concellaría de Cultura, é unha recreación do mundo mítico e lendario do noroeste ibérico, representado polos Monicreques de Kukas. Os personaxes son encarnados por marionetas mixtas de fíos, gatiños e variñas de creación propia e de gran formato.
A obra escrita e dirixida por Marcelino de Santiago recrea lendas galegas tradicionais como o aquelarre de Cangas, o demo enganado, o pescador e a meiga, o Nuboeiro, a Coca de Redondela e as covas do Rei Cintolo e recolle personaxes da cultura mítica e popular galega como son os trasgos, as meigas, as fadas ou as serpes.
Este entretido paseo pola "Galicia máxica" articúlase a partires das peripecias vividas por un turista despistado e durmiñón que se atopa cun trasgo rebuldeiro e unha meiga boa.