SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
Os grupos Habana Blues Band, Lamatumbá e Ruxe Ruxe daranlle a despedida á primeira parte do ciclo 0Sons da Diversidade este ano' cunha festa gratuita ao aire libre este mércores ás 21.00 horas na praza da Música en Compostela, ante o Auditorio de Galicia.
A Concellaría de Cultura, organizadora desde ciclo musical, pretende sacalo á rúa para achegalo ao maior número de xente. Trátase de que a xente que se achegue á esplanada diante do Auditorio poida desfrutar da música chegada dende outras partes do mundo e da feita en Galicia.
A festa, que coincide co remate do curso e coa chegada do verán, contará este ano cos cubanos Habana Blues Band e cos galegos Lamatumbá e Ruxe Ruxe. Segundo Cultural, esta nova iniciativa "nace co obxetivo de ser unha cita máis cada ano" dentro do ciclo 'Sons da Diversidade', que volverá no outono ao Auditorio de Galicia.
O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, salientou a consolidación do ciclo, caracterizado pola pluralidade da oferta e pola calidade dos artistas e que terá neste primeiro semestre un broche de ouro coa actuación destes tres grupos.
A banda xurdida do filme homónimo, Habana Blues Band, achegará o mércores a Santiago de Compostela a súa mestura de ritmos cubanos tradicionais coma a salsa ou a guajira con rock e rap. Pola súa banda, 'Lume para que saia o sol' é o primeiro disco de Lamatumbá, unha banda que se suma á festa de Sons antes de saír de xira cara a Eusladi e Cataluña.
E para completar o trío estelar da noite do mércores a Concellaría de Cultura conta cunha banda compostelá, Ruxe Ruxe, que está a celebrar o seu décimo aniversario e a piques de sacar ao mercado o seu quinto disco.