Científicos internacionais reúnense desde mañá en Lugo nun encontro sobre aplicacións da espectrometría de luminiscencia

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 julio 2006 21:19

LUGO 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

Científicos internacionais reúnense desde mañá no Campus de Lugo nun simposio no que presentarán o estado de todos os aspectos da Espectrometría de Luminiscencia e as técnicas, metodoloxías e aplicacións nunha ampla variedade de campos.

O profesor da Facultade de Ciencias de Lugo Alberto Cepeda e o catedrático da Universidade belga de Ghent e impulsor desta serie de conferencias Willy Baeyens serán os encargados de inaugurar oficialmente mañá, ás 9.00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria, este XII Simposio Internacional de Espectrometría de Luminiscencia 'Técnicas de Detección na Análise Biomédica, Ambiental e Alimentaria'.

Os científicos que se achegarán á cidade amurallada dende os cinco continentes presentarán as novas tendencias en Espectrometría de Luminiscencia e debaterán sobre aspectos da súa aplicación na análise biomédica, ambiental e alimenticia de produtos naturais e industriais.

Ademais, aproveitarán a ocasión para intercambiar coñecementos sobre biosensores e os últimos avances en luminiscencia relacionados coa bioloxía molecular e outros campos para promover a colaboración entre científicos analíticos. Esta XII reunión estivo precedida na súa organización por outras sedes mundiais emprazadas en países como Bélxica, Francia e China.

O programa científico ofrecerá, ao longo de múltiples conferencias e sesións de comunicacións, unha visión global dos novos avances en técnicas baseadas na Espectrometría de Luminiscencia e a combinación de técnicas cromatográficas, así como outras utilizadas en biosensores, bioloxía molecular, análise farmacéutica, biomédica e de alimentos, control de calidade de fármacos e outras áreas relacionadas.

Contenido patrocinado