O Concello de Ames (A Coruña) compra por 18.000 euros os terreos para a nova depuradora da Ameixenda

Actualizado: martes, 20 junio 2006 19:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Ames (A Coruña) asinou hoxe o contrato de compra-venda da leira na que se asentará a futura depuradora experimental da Ameixenda, no que se investiron 18.000 euros.

Esta nova infraestrutura, que estará financiada pola Deputación da Coruña, terá capacidade para darlle servizo a núcleos de ata 600 habitantes. O Concello de Ames indicou que estivo traballando nos últimos meses na procura dun terreo que se axeitase ás condicións técnicas da EDAR.

Finalmente a depuradora vaise instalar nun antigo pasteiro de algo máis de 1.800 metros cadrados situado no lugar de Quintáns. Hoxe, coa compra dos terreos, o Concello de Ames cumpliu un dos últimos trámites que quedaba por facer para que puidesen comezar as obras. Segundo o alcalde, Carlos A. Fernández, "desta maneira desbloquéase o proceso de construción da EDAR da Ameixenda, que recepcionará en varias fases as augas sanitarias de toda a parroquia".

Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Básicos, Rudy Lamas, sinalou que a depuradora "require un terreo cunhas determinadas condicións de inclinación, de distancia a vivendas e de calidade do chan que nos obrigou a buscar ata dar coa situación idónea".

Desta maneira a Deputación da Coruañ vai comezar a construír en breve unha depuradora experimental pensada para núcleos de poboación con menos de 600 habitantes. Esta EDAR empregará un proceso biolóxico para tratar as augas residuais.

Como complemento á depuradora, o Concello Ames xa iniciou o proceso de estensión das canalizacións que a alimentarán en breve. Por iso mantén aberto ata finais de mes o concurso das obras de saneamento en Quintáns, precisamente o lugar onde se asentará a EDAR.

Neste sentido a Concellaría de Planificación de Infraestruturas tamén convocou o concurso público correspondente por un prezo de licitación de case 104.000 euros. Posteriormente a estensión da rede farase aos lugares de Vilar, Ameixenda e Folgueira, para os que hai reservados outros 150.000 euros.