O Concello de Oroso (A Coruña) proponse fomentar a imaxe positiva da inmigración, que supón un 2,3% do seu censo total

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 16 marzo 2006 15:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Familia, Eduardo Veiras, presentaron hoxe no IES deste municipio coruñés unha campaña publicitaria de sensibilización para a promoción dunha imaxe positiva da inmigración.

En novembro do ano pasado, a poboación inmigrante non comunitaria neste municipio supuxo un 2,3% do censo total. Colombia, Arxentina e Rumanía son os países dos que proceden a maioría dos inmigrantes residentes en Oroso, aínda que actualmente hai persoas dun total de 16 países.

Nestes intres, no municipio as mulleres supoñen un 58,4% da colectividade inmigrante. Por tramos de idade, máis da metade das persoas que viñeron de países non comunitarios están actualmente entre os 24 e os 41 anos.

Ademais da campaña publicitaria que se puso hoxe en marcha, realizaranse a medio e longo prazo outra serie de accións como a organización de xornadas profesionais nas que se fará un achegamento ao fenómeno da inmigración desde o punto de vista do mercado laboral.

Tamén está previsto un curso de axentes mediadores para que os colectivos de inmigrantes e a sociedade "atopen puntos de encontro" que faciliten a plena integración na comunidade e finalmente realizaranse xornadas de xogos do mundo para achegar a pais e cativos á interculturalidade.

Segundo destacou hoxe o consistorio, Oroso é un dos poucos concellos do entorno de Santiago que seguen medrando e subliñou que no aumento de poboación "terán moito que dicir" nas próximas décadas o colectivo inmigrante.

Contenido patrocinado