O Concello de Santiago achegará 4.000 euros para financiar as actividades da Asociación do Traxe Galego

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 19:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Santiago, a través do seu departamento de Cultura, vén de renovar o seu compromiso coa Asociación do Traxe Galego, grazas a un convenio polo que esta entidade recibirá 4.000 euros para financiar as súas actividades.

O acordo para colaboración "cunha entidade que realiza un labor entusiasta en prol da recuperación e promoción do traxe tradicional galego" foi asinado polo responsable de Cultura, Néstor Rego, e pola presidenta da Asociación, Pilar Domínguez.

"Temos moito interese en que a xente nova retome a confección dos traxes, a ser posible a semellanza dos antigos", apuntou hoxe Pilar Domínguez, que fixo un repaso polo dedicado labor que desenvolve esta entidade. As integrantes desta asociación cortan e confeccionan, bordan ou visten bonecas e sempre están abertas a ofrecer os seus traxes para que quen queira os poida lucir.

Ademais de traballar no estudio, promoción e salvagarda do traxe tradicional galego, a devandita asociación organiza diversas actividades, como cursos de pandereta e baile, xornadas e conferencias, diversos desfiles e o premio Antón Fraguas.