O Concello de Santiago achegará 51.000 euros para colaborar coas actividades de varias entidades sociais

Actualizado: jueves, 15 junio 2006 16:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Santiago achegará 51.000 euros para colaborar coas actividades que realizan na capital galega as entidades Cáritas Interparroquial, a Cruz Vermella e a Asociación Centro Cultural-Social Xoan XXIII.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou hoxe cos responsables destas tres entidades sociais, Frei Francisco J. Honrubia (Xoan XXIII), Amelia Pereira (Cáritas) e Rufino Constantino Pérez (Cruz Vermella) os correspondentes convenios de colaboración e avanzou que a vindeira semana se firmará tamén outro coa Cociña Económica.

Os responsables das distintas entidades coincidieron en agradecer a colaboración do Concello de Santiago para poder desenvolver as súas actividades na cidade e, incluso, melloralas. Pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo afirmou que as administracións poden facer "algunhas cousas", pero subliñou que este tipo de entidades sociais "son absolutamente imprescindibles" e agradeceu o traballo que fan en Santiago.

Cáritas Interparroquial recibirá unha achega de 36.000 euros, que se empregarán para o desenvolvemento das prestacións e programas do Departamento de Atención Primaria. En concreto, a colaboración afectará a ámbitos como a prestación de alimentos, a saúde, o apoio económico ao pago da vivenda ou o programa Vieiro.

No caso da Cruz Vermella, a colaboración establécese para o desenvolvemento do proxecto de alfabetización de adultos, do proxecto de lecer e tempo libre con persoas maiores, do programa Servizo Integral Emprego (S.I.E.), da intervención en emerxencias, de servizos preventivos, do proxecto de Centro de Mediación Social e do proxecto de prevención de condutas violentas en xoves no ámbito escolar. O Concello de Santiago aportará 9.000 euros para a realización destes programas.

O Concello de Santiago colaborará coa Asociación Centro Cultural-Social Xoan XXIII no funcionamento do servizo de acollida durante a noite para sin teito. O albergue ofrece un local dotado de 36 camas, onde os sen teito poden pernoctar, ter aseo persoal, lavado e pranchado de roupa, así como tamén contar coa axuda-orientación. Este servizo complétase cuns servizos complementarios que ofrece o Albergue, como duchas de mañá, lavado de roupa, servizo de roupeiro, complemento alimentario e servizo de consigna para gardar equipaxes.