O Concello de Santiago saca a licitación por preto de 60.000 euros obras de enlousado no Casco Histórico

Actualizado: lunes, 8 mayo 2006 18:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Xunta de Goberno Local, acordou hoxe o proxecto, prego e inicio de expediente de contración das obras de mantemento e conservación dos enlousados no Casco Histórico, por un tipo de licitación de 59.992 euros.

O voceiro municipal, Francisco Candela, explicou que as obras terán un prazo de execución de dous meses e abranguen distintos tipos en lousados, de formigón e de pedra, para diversas rúas e beirarrúas da cidade.

Asemade, Candala deu conta tamén do acordo, acadado polo procedemento de urxencia, polo que a Xunta de Goberno Local adxudica a Compostela Visión S.L. --Localia Santiago-- por 29.670 euros a creación dun arquivo audiovisual do Concello de Santiago. Explicou que se trata de contar con imaxes de actos e actividades organizadas ou celebradas pola Administración local.

Outra das cuestións aprobadas hoxe foi a prórroga do Convenio de cofinanciamento para o desenvolvemento de programas de prevención, e/ou incorporación social de drogodependencias do Concello de Santiago para para o bienio 2006-2007, por un importe de 92.589 euros. Da cuantía total, 77.589 euros serán achegados pola Consellería de Sanidade e 15.000 euros polo Concello de Santiago.

Tamén se aprobou un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Igualdade (SGI) e o Concello de Santiago para o mantemento da Casa de Acollida a mulleres vítimas de violencia, ao que se destina unha contía de 30.000 euros.

O voceiro do equipo de goberno local salientou que se aprobou a adxudicación do subministro e instalación de sistema de control de acceso mediante tarxeta para salas de Centro do Proceso de Datos (CPD), por un importe de 6.733 euros. Tamén salientou que se acordou a adquisición de seis ordenadores portátiles máis impresoras.

Por último, entre os acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno Local destaca aprobación de 56.863 euros para o financiamento de proxectos de intervención social para a prevención da marxinación do pobo xitano. Na xuntanza de hoxe tamén se deu conta da sinatura dos convenios coa Cruz Vermella (9.015 euros), coa Asociación "Voluntarias de la Caridad" (3.005 euros), coa Cociña Económica (9.015 euros) e coa Asociación Chavos (3.000 euros).