A Consellería de Educación destina preto dun millón de euros a financiar conservatorios e escolas de música

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 febrero 2006 16:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 994.000 euros á concesión de axudas co obxectivo de fomentar, difundir e estender as ensinanzas musicais nos conservatorios e escolas de música.

Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica as distintas liñas de axudas destinadas a subvencionar escolas de música públicas e dependentes de institucións sen ánimo de lucro; e conservatorios de música non dependentes deste departamento autonómico e de titularidade pública.

A Administración educativa destina un total de 522.000 euros a financiar a liña de axudas a conservatorios de música non dependentes desta Consellería e de titularidade pública e 429.000 euros á subvención das escolas de música públicas.

As contías máximas por axuda e beneficiario non superarán os 45.000 euros na primeira das axudas, e os 32.000 euros no caso das escolas de música públicas.

As dúas ordes de convocatoria establecen que serán os titulares dos conservatorios e das escolas de música os que formalicen a solicitude. Estes impresos deberanse acompañar, entre outra documentación, dunha breve memoria descritiva dos obxectivos que pretenden acadar neste ano 2006.

Na valoración das solicitudes das dúas modalidades de axudas, cadansúa comisión constituída para tal fin, terá en conta o número de alumnado matriculado neste curso 2005-2006; o número de especialidades que imparte e o de profesores e tempo de dedicación; as dimensións das instalacións e o volume orzamentario do conservatorio e da escola de música, así como a axuda percibida do alumnado durante este ano académico.

Segundo a orde de convocatoria de subvencións a escolas de música dependentes de institucións sen ánimo de lucro, a Consellería de Educación destina 43.000 euros a esta liña de axudas, que poderán solicitalas os titulares das escolas que conten con autorización da Administración educativa para impartir estas ensinanzas.

As axudas concedidas deberán financiar o funcionamento e o desenvolvemento das súas actividades docentes. A orde tamén establece que a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá exceder de 4.000 euros.

Os interesados en optar a calquera destas tres liñas de axudas disporán de corenta días, contados a partir de hoxe -un día despois da súa publicación no DOG- para presentar as súas solicitudes dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contenido patrocinado