O Consello de Goberno da USC aproba un novo límite de prazas para a titulación de Medicina, que aumenta a 275 alumnos

Ratifocu tamén boa parte da oferta de cursos de posgrao da USC para o vindeiro curso

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 7 junio 2006 20:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) aprobou hoxe un novo límite de prazas para algunhas titulacións, como a de Medicina da que, logo da demanda realizada por algunhas universidades, a Comisión Académica do Consello de Coordinación Universitaria decidiu reabrir o prazo para aumentar a súa oferta, que ascende a 275 o cupo de alumnos para esta titulación.

Ademáis, con respecto ao Instituto de Criminoloxía, aprobáronse 125 prazas para os alumnos novos de primeiro curso -das que 60 se reservan para o Cexesga- e 75 para os que xa están en posesión do diploma e desexan realizar os complementos para acadar o título de Graduado en Ciencias Criminolóxicas e da Seguridade Pública. O Consello de Goberno da USC reuniuse hoxe para analizar, entre outros asuntos, o informe sobre o preacordo de convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral do Sistema Universitario Galego, que manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2007 e que se prorrogará de non haber denuncia expresa por calquera das partes.

Outro dos temas incluídos na axenda desta xuntanza do Consello de Goberno foron os acordos de interese mutuo para impulsar a planificación estratéxica dos departamentos de Análise Matemática, Anatomía e Produción Animal, Bioloxía Celular e Ecoloxía, Ciencias Morfolóxicas, Dereito Público Especial, Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais, Enxeñaría Agroforestal, Filoloxía Inglesa, e Historia Contemporánea e de América.

Os acordos, que se formalizarán coa sinatura dos convenios específicos mañá xoves, día 8, respostan a unha análise das fortalezas, debilidades e oportunidades dos Departamentos da USC para adecuarse ás grandes liñas fixadas no Plan Estratéxico da institución compostelá a desenvolver de cara a 2010.

ESTUDOS OFICIAIS DE POSGRAO

A LOU, adaptándose ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), establece unha nova estrutura dos estudos de nivel universitario, que diferenza entre estudos de grao -corresponderíanse cos actuais de primeiro ciclo- e estudos oficiais de posgrao. O regulamento destes últimos foi outro dos puntos aprobados polo Consello de Goberno, establecéndose así o marco normativo no que estes se van desenvolver, que o curso que vén xa serían nove.

Os Programas Oficiais de Posgrao (POP) oriéntanse á especialización académica, profesional ou investigadora, e estarán integrados por dúas clases de estudos. Dunha banda, os de Máster cunha duración de entre 60 e 120 créditos, e doutra os estudos de doutoramento, orientados á investigación e á realización da tese, aos que se poderá acceder sempre que se teñan superados un mínimo de 300 créditos no conxunto dos seus estudos de grao e posgrao.

Por último, o Consello de Goberno aprobou boa parte da oferta de cursos de posgrao da USC -másters e cursos de especialización- para o vindeiro curso, a modificación das Normas de Xestión Académica, prazas de profesorado, comisións de servizo, as tarifas de aloxamento no SUR no verán de 2006 e os regulamentos de réxime interno da Facultade de Bioloxía e do Departamento de Filoloxía Alemá, entre outros asuntos.

Contenido patrocinado