SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -
O conxunto de carreiras que se desenvolve en varias localidades de Galicia para promover o uso do galego entre a xente nova, o Correlingua, chega este ano á súa sexta edición e suma o apoio da Xunta para superar as participacións doutros antos e mobilizar a máis de 30.000 mozos e mozas.
A sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, acolleu hoxe a presentación do 'Correlingua 2006', nun acto que contou coa participación dos directores xerais de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela; do concelleiro de Política Lingüística de Santiago, Manuel Portas; así como de representantes das entidades organizadoras a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG.
No acto, no que disculpou a súa presencia a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, tamén participaron os alumnos do CPI de Xanceda, de Mesía, e do CEIP Cobas, de Viveiro. Os alumnos destes centros foron os gañadores dos concursos de manifesto e de banda deseñada. Os traballos poden verse na web do evento (www.correlingua.org).
Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan en Galicia. Trátase dunha proposta de carácter lúdico e educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Precisamente, en nome das entidades organizadoras, Marta Dacosta lembrou hoxe que Correlingua é unha carreira para "a dinamización ligüística" entre a mocidade galega que chega á sexta edición e prevé "superar os 30.000 participantes da edición anterior". As carreiras a prol da lingua galega comezarán o 10 de maio en Santiago de Compostela e rematarán no 24 de maio en A Coruña. Polo medio, tamén haberá carreiras en Fene (día 11), A mariña (día 12), Lugo (día 15), Ourense (día 16); Baixo Miño (día 18); Vigo (día 19); Pontevedra (día 22); e O Salnés (23 de maio).
Como entidades organizadoras de Correlingua 2006 tamén participan a Coordinadora Comarcal de Equipos de Normalización Lingüística e os concellos de Santiago, de Pontevedra, de Lugo e de Vigo; asemade, colaboran varios departamentos da Xunta, as deputacións da Coruña e de Ourense, a TVG e outras entiedades e 25 concellos.
REIVINDICACIÓN DO PXNLG
No acto que tivo lugar hoxe en Santiago, o responsable de CIG-Ensino, Anxo Louzao, agradeceu "o esforzo" dos profesores para propiciar que máis de 30.000 mozos e mozas de Galicia participen nas carreiras de Correlingua. Lembrou que este programa é "unha actividade lúdica e reivindicativa", ademáis de apuntar que o ensino é o ámibto no que máis se perden galegofalantes.
Louzao aproveitou o acto para afirmar que é "necesario e urxente a posta en marcha do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)" e cualificou de "inxustificable" que no curso escolar 2006-2007 "no estivese o novo decreto que regule o uso do galego no ensino". Engadiu que a xente nova "amosa que o idioma está vivo e que precisa dunha política dinamizadora e con recursos" para normalizar o galego e a Galicia.
Pola súa banda, o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, agradeceu a posibilidade que se da ao seu departamento de colaborar en Correlingua e de "aportar un pequeno gran de area a unha actividade centrada na normalización de usos do galego".
Asemade, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, afirmou que é "fundamental" o traballo de fomento do uso do galego no ensino e entre a mocidade, ao tempo que sinalou como "deber e obriga" para a Xunta "o apoiar e promover" o Correlingua, por ser unha iniciativa con anos de traballo a prol do galego e da implicación social na súa normalización.
Bará afirmou que "o futuro do galego pasa polo que se poida facer en tres e catro anos" e subliñou que "é o turno da Administración" que, engadiu, "ten que demostrar a súa vontade a prol do idioma a través do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". Así, fixo un símil entre o 'Correlingua' e a defensa da normalización do galego como "carreiras de fondo e de relevos", nas que hai que "implicar a todos".
MANIFESTO
O acto finalizou coa lectura, a cargo dun grupo de escolares do CPI de Xanceda de Mesía, do 'Manifesto escrito por nós, o futuro', no que manifestan "o seu compromiso de usar" o galego e proclaman que "precisan que a xente se sinta orgullosa de ser galega e que o demostre falando galego, como facemos nós".
O texto defende a cultura, a terra, a literatura, a música, a danza e a gastronomía "en galego" e din que "desaproba a xente que sente vergoña de falar galego". Os autores do manifesto tamén apelan a todos os glegos para que "se unan a nós" e lanzan a mensaxe de que "os rapaces e rapazas, o futuro de Galicia, pretenden consrvar a nosa fala por riba de todo e que o van conseguir por moitas trabas que se poñan no camiño".