A Coruña acolle hoxe a presentación do libro de Henrique Rabuñal sobre o autor ao que se homenaxea nas Letras Galegas

Actualizado: viernes, 5 mayo 2006 12:16

A CORUÑA, 5 May. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), organiza a presentación hoxe, na Coruña, do libro de Henrique Rabuñal titulado 'Manuel Lugrís Freire' e que foi publicado por A Nosa Terra.

O acto terá lugar as oito do serán na sede coruñesa da RAG e nel van intervir os presidentes da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e da RAG, Xosé Ramón Barreiro, o catedrático e académico Xosé Luís Axeitos, o xornalista e editor Xan Carballa, ademais do autor da obra e membro da dirección da AELG, Henrique Rabuñal.

A AELG súmase así aos actos de celebración do centenario da RAG, da que o propio Lugrís Freire foi presidente, e rende homenaxe ao autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Escritor e profesor no IES "Manuel Murguía" e na Universidade da Coruña, Henrique Rabuñal ocupouse tamén da figura e da obra de Lugrís Freire en moitos dos seus escritos como no ensaio "Lugrís Freire na cultura galega"(1990) e nos seus libros Textos e contextos do teatro galego (1994) ou Palabra e patria (2005).