A Cultura Circula pecha a súa primeira edición hoxe en Culleredo (A Coruña) cunha xornada dedicada a toda a familia

Actualizado: domingo, 4 junio 2006 12:25

A CORUÑA, 4 Jun. (EUROPA PRESS) -

A carpa de A Cultura Circula despídese hoxe e remata a súa primeira edición cunha programación de entrada gratuíta pensada para toda a familia que se desenvolverá durante esta xornada en Culleredo (A Coruña).

Así, ás 17.00 horas o Circo-Lar espectáculo de variedades coordinado pola compaía Berrobambán Teatro achegará unha programación pensada para disfrutar en familia, no que se darán cita unha maioría de propostas de producción propia de artistas do mundo da música, o teatro e o circo.

As familias que se acheguen á carpa de Culleredo poderán gozar coas ilusións do Mago David, os números manicómicos de Colombaíños, os aéreos de Endesequilibrio, os instrumentos improvisados de Igmig, as coreografías de Pisando Ovos e os temas compostos polo grupo de hip hop Dios Ke Te Crew especialmente para a ocasión e, por primeira vez, aptos para toda a familia.

A continuación do Circo-lar, tamén se poderán ver os Filminutos e as Foto Reveladoras do concurso Embarca na Carpa e se coñecerá aos ganadores do certame 'Música a Esgalla'. A convocatoria 'Embarca na Carpa' chega así ao seu fin e hoxe saberanse cales son os gañadores en todas as categorías.

A final de 'Música a Esgalla' a disputarán cinco grupos e intérpretes musicais que competirán para levar o premio consistente en gravar un videoclip para o programa 'Xabarín Club' da Televisión de Galicia. Os finalistas son: o solista Hugo Torreiro desde A Coruña, a cantautora melódica Xeila Patricia desde Vilaboa, os hiphopeiros Trío de Xenios desde Ourense, Son de Lira, con raíces na terra de Lira, e o grupo heavy de Palmeira Trinmial.

En canto as curtas que quedaron finalistas no certame de vídeo 'Filminutos' son: 'Reserva especial de pesca' e 'Papamoscas' presentadas polo IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra); e 'As caras da Galiza' de Brais Novo Pérez, un rapaz de 17 anos de Castiñeiras (Riveira)

O festival pechará a súa primeira edición acollendo baixo a lona da carpa a actuación dunha agrupación de música local, o Grupo Instrumental do Centro Municipal de persoas Maiores de Culleredo que deleitarán ó público cunha escolma do mellor do seu repertorio.

Polas carpas de A Cultura Circula pasaron grupos como os galeses Superfurry Animals, o xamaicano Anthony B, os Mercury Rev, o magrebí Rachid Tahá e xunto a eles, bandas galegas de distintos xéneros como The Homens, Dios Ke te Crew, Loretta Martin, A Safari Orquestra, Samesugas, Bumba, Berrogüetto ou A Banda de Poi, entre outros.