A cultura, música e a información destacan entre as "grandes apostas" da nova programación da Radio Galega

O director da RG aposta porque a emisora pública se desenvolva "lonxe de partidismos e sensibilismos" e se convirta nun "referente"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 12 enero 2006 22:38

VIGO, 12 Ene. (EUROPA PRESS) -

A información, a música e a cultura representan as "grandes apostas" da nova programación da Radio Galega (RG) baixo o lema 'Con todos. Para ti', coa que pretende dar un pulo a unha grella "máis participativa" e con novos formatos informativos.

As instalacións do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo acolleron hoxe a presentación á sociedade galega da nova programación da RG nun acto que estivo presidido polo director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, e o director da Radio Galega, Virgilio Costas, e que contou, ademais, coa presenza de destacados persoeiros da vida política, social, e cultural da cidade de Vigo e de Galicia.

Na presentación multimedia da programación, que se prolongou durante máis dunha hora, o director da RG, Virgilio Costas, manifestou a súa intención de que a radio pública galega desenvolva o seu traballo "lonxe de partidismos e sensibilismos" e se convirta nun "referente", aproveitando "o talento de profesarios que xa tiña a radio pública, ademais de contar con voces emerxentes".

Pola súa banda o director xeral da CRTVG destacou que Galicia "teña cambiado nos últimos tempos" e, polo tanto, subliñou que "cumpría unha renovación profunda na programación da Radio Galega". Así, indicou que aspira a ser "unha radio plural e participativa e con vocación de independencia". "Os traballadores son as grandes estrelas da RG", engadiu.

Arsenio Iglesias, Suso de Toro, o deseñador Antonio Pernas, o actor Nancho Novo e os humoristas Mofa e Befa serán algúns dos colaboradores habituais do novo programa 'Un día por diante', conducido por Xusto López Carril todas as mañás desde as 10.00 ata as 14.00 horas.

Este espazo será a "gran aposta" para as mañás da Radio Galega; un encontro diario coa actualidade e o entretemento sen esquecer a opinión e o humor. Cada un deles aportará a súa experiencia e coñecementos para as distintas seccións habituais do espazo.

PROGRAMACIÓN DA TARDE

As tardes da Radio Galega, a partir das 17.00 horas e ata as 20.00 horas, estarán conducidas por Amelia García co programa 'As Quimbambas', onde se inclúen seccións moi participativas para os oíntes conducidas por expertos como a responsable da ONG Implicadas no desenvolvemento, María Raimóndez, que conducirá a sección 'Implícate'.

Asemade, a maxistrada Ana López Suevos responderá e aclarará todas as dúbidas lexistalivas en 'Que di a lei' e o bioneurólogo Xurxo Mariño adentrará aos oíntes galegos no mundo científico a través da sección 'Coñecer unha viaxe á cultura científica'.

INFORMACIÓN E ACTUALIDADE

Outra das grandes protagonistas da nova programación da Radio Galega é a información e a actualidade de todo canto acontece no país. A emisora autonómica pechará o día informativo, de luns a venres, desde as 21.00 ata as 23.00 horas, co programa 'A crónica', conducido por Tino Santiago.

Durante dúas horas, o xornalista Tino Santiago analizará a actualidade máis relevante da xornada cos protagonistas. Ademais ao seu carón estarán, todos os días, destacados persoeiros da vida e historia política de Galicia e xornalistas. Entre eles, destaca Xosé Manuel Beiras, Víctor Vázquez Portomeñe, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Elisa Madarro, María Yánez, María Seoane, Juan López Rico ou Xesús Díaz, entre outros, para participar na mesa de tertulia.

Outra das seccións destacadas coas que conta este informativo será a que conduza ás 21.30 horas Emilio Blanco, que será o responsable de informar de toda a actualidade económica do día, o peche dos mercados financieiros e os principais titulares da prensa económica.

O acto foi presentado polo xefe de programas da RG, Xurxo Souto, e contou coa presenza e actuaioción musicais do grupo Espido e David de Salvado e tamén interpretou un monólogo o humorista Carlos Balco que falou dos "novos tempos" da emisora galega e a necesidade de que "sex peixe fresco".

Contenido patrocinado