A Deputación pontevedresa ultima un proxecto que xestione o cambio demográfico e laboral dos traballadores de máis idade

Actualizado: jueves, 5 enero 2006 17:45

PONTEVEDRA 5, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra prepara a presentación dun proxecto denominado 'Cronos', que se vai presentar ante a Comisión Europea de Emprego e Asuntos Sociais, co obxectivo de xestionar o cambio demográfico e laboral dos traballadores de máis idade.

Técnicos e responsables dos proxectos europeos da entidade provincial, xunto con representantes dos sindicatos e da Confederación de Empresarios de Pontevedra, reuníronse para concretar que socios se van unir a esta iniciativa que liderará a institución provincial.

'Cronos' baséase nos retos que se plantean ante o mercado laboral e sinala a necesidade de redefinir o papel dos traballadores de maior idade nas empresas que, como a industria, teñen un peso importante na provincia. Nesta redefinición figuran aspectos como a actualización das súas habilidades e coñecementos que posibiliten a súa pervivencia no mercado, o desenvolvemento de novos roles dentro das empresas, a reducción das condicións perigosas e a mellora da saúde laboral.

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra que se presentará ao Fondo Social Europeo (FSE) encádrase no programa 'Enfoques innovadores na xestión do cambio'. Este artigo ten por finalidade apoiar accións innovadoras dirixidas a promover novos enfoques e identificar exemplos de boas prácticas que poidan mellorar a posta en práctica das operacións financiadas polo FSE.

O proxecto da Deputación deberá presentarse antes de que remate o mes de xaneiro. O seu orzamento deberá oscilar entre os 300.000 euros de mínimo e un máximo de 3 millóns de euros. O FSE subvencionaría un 75 por cento.

GLOBALIZACIÓN

Os principios que xustifican esta convocatoria de axudas da Comisión Europea baséanse nos efectos da globalización e na tendencia cara a unha sociedade máis baseada no coñecemento, o que está acelerando o ritmo da reestructuración económica a costa dun risco de erosión das cualificacións e de exclusión social.

Neste senso, a Comisión Europea aposta por unha xestión positiva dos cambios económicos e sociais como prioridade da política de emprego. O proxecto 'Cronos' que presentará a Deputación de Pontevedra centrarase na xestión do cambio demográfico coa finalidade de apoiar iniciativas innovadoras destinadas a promover o envellecemento activo e aumentar a taxa de emprego dos traballadores de máis idade.

Tamén se destina á xestión da reestructuración para apoiar solucións innovadoras consistentes en mellorar a capacidade de adaptación e anticipación dos traballadores, as empresas e as autoridades públicas.