O director xeral de Contidos de Tele 5 analizará o futuro da televisión xeralista o xoves no Auditorio de Galicia

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 24 enero 2006 12:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Contidos de Tele 5, Manuel Villanueva, falará o próximo xoves 26 no Auditorio de Galicia do futuro da televisión xeralista en España, 16 anos despois da implantación da TV comercial coas cadeas Tele 5, Antena 3 e Canal +, que modificaron sustancialmente non só o mapa do audiovisual español, senón tamén o territorio no que se desenvolveu.

A partir das 20.00 horas, e coa presentación do director xeral da Crtvg, Benigno Sánchez, Villanueva abordará esta situación e fará un percorrido polos momentos cruciais da vida da súa empresa e analizará o contorno da competencia que ten.

O responsable de Tele 5 recordará como a cadea pasou por diferentes etapas tralo seu lanzamento, coma crise, a refundación e a consolidación, que a levou a ser líder de audiencia e rendabilidade, e unha das empresas audiovisuais máis valoradas en Europa.

Ademais, Manuel Villanueva falará do futuro das TV xeralistas en España, tendo en conta a entrada da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e o papel que, xunto a ela, xogarán as analóxicas.

Villanueva de Castro naceu en Marín (Pontevedra) hai 48 anos e nos anos 80 e 90 foi colaborador habitual de xornais galegos coma La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra ou La Región. Do 1982 ó 1984 foi locutor e presentador de programas en Radio 80 en Pontevedra, e posteriormente, do 85 ao 87 foi técnico e locutor da Radio Galega. De aí saltou á Televisión, sendo adxunto da dirección de programas da TVG ata o 1989, director de Programas e Emisións ata o 1990 na mesma cadea, para xa nese ano pasar a dirixir a programación de Tele 5 en Madrid. En setembro do 1996 e ata o 2000, foi o director de Programación e Antena de Canal Plus, e logo, ata o 2002, director de Contidos de Antena 3. Dende entón, e ata hoxe, é o director xeral de Contidos de Telecinco.

Contenido patrocinado