SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Jul. (EUROPA PRESS) -
A Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou o pasado venres día 30, a través do DOG, as probas de acceso a ciclos formativos de grado medio de formación profesional, e hoxe publica o procedemento de admisión de alumnado aos ciclos formativos de artes plásticas.
Ás probas de acceso ao grado medio de formación profesional poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos para acceder directamente aos ciclos formativos. A proba celebrarase o próximo 7 de setembro e avaliará distintos aspectos socioculturais e científico-técnicos da educación secundaria. A inscrición pode presentarse en calquera centro de educación secundaria ata o vindeiro 10 de xullo ou a través da web www.edu.xunta.es/fp.
O DOG recolle hoxe o procedemento de admisión de alumnos nos ciclos formativos de artes plásticas e deseño para o vindeiro curso 2006/2007, ós que poderán concorrer os alumnos que teñan realizados estudios artísticos anteriormente e aqueles que deban realizar a proba específica. A inscrición alóngase ata o 28 de xullo e do 1 ó 8 de setembro, na escola na que desexa realizar os estudios de artes plásticas.