SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) estudan colaborar en proxectos literarios, como a creación dun centro de documentación e en obradoiros de creación literaria.
A titular deste departamento autonómico, Laura Sánchez Piñón, mantivo hoxe, en Santiago de Compostela, un encontro co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que acudiu acompañado da secretaria da entidade, Mercedes Queixas Zas.
Tras a xuntanza, Cesáreo Sánchez sinalou que lle trasladaran á Sánchez Piñón a posibilidade de que a Consellería participe na elaboración do centro de documentación da Asociación de Escritores na sección de didáctica.
Ademais, o presidente da AELG dixo que estudarán a viabilidade de "facer obradoiros de creación literaria nos colexios e universidades" e de "facer partícipe ao sistema educativo nos roteiros literarios que se vaian creando".
Cesáreo Sácnhez amosou a súa satisfacción despois da primeira entrevista que mantivo coa titular de Educación e indicou que estarán "en comunicación co equipo da Consellería para elaborar un proxecto de colaboración común".