SANTIAGO DE COMPOSTELA 6 Jul. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, confirmou hoxe ao alcalde de Brión, José Luis García, a sinatura dunha addenda ao convenio ratificado en febreiro para a construción dun novo IES neste concello coruñés.
Así o comunicou hoxe Sánchez Piñón nun encontro co alcalde de Brión, no que abordaron distintas cuestións relativas ás infraestruturas educativas deste municipio coruñés. Durante a xuntanza, a máxima responsable da Administración educativa e o rexedor brionés fixeron un repaso á oferta educativa neste concello que se completará cun novo Instituto de Educación Secundaria (IES) que se construirá en Brión.
Neste sentido, a conselleira de Educación informou ao rexedor deste concello de que o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura da addenda. Segundo este novo acordo, unha vez elaborado e supervisado o proxecto, estímase que o orzamento de licitación desta actuación ascende a 3.236.433,11 euros, e non á cantidade de 2.570.000 euros tal e como figuraba no convenio asinado en febreiro.
Deste xeito, o incremento do investimento débese á valoración final do proxecto e co obxectivo de acadar os "maiores parámetros de calidade" desta infraestrutura educativa, segundo a Administración educativa.
Deste xeito, a Xunta investirá esta nova cantidade, achegando este ano 1,5 millóns de euros e o vindeiro 2007, un total de 1.736.433,11 euros. Ademais, Educación encargarase da tramitación necesaria para a contratación, dirección e execución das obras de construción deste centro docente.
A addenda será asinada proximamente pola conselleira de Educación e o rexedor brionés na Casa do Concello de Brión, segundo informou hoxe a consellería.
No curso 2005-2006, un total de 612 alumnos cursaron estudos nos cinco centros educativos do Concello de Brión. Deles, 140 estiveron matriculados en Educación Infantil, 249 en Primaria, e 223 en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).