Educación destina máis de 50.000 euros para potenciar o asociacionismo nas tres universidades galegas

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 17 marzo 2006 19:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 50.000 euros en axudas para as asociacións de estudantes das tres universidades galegas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo de apoiar actividades que favorezan o asociacionismo no ámbito universitario, así como potenciar outras de carácter formativo e científico que as mesmas organicen.

Así o recolle a convocatoria presentada a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, pola que a Administración educativa galega financiará estas axudas achegando un total de 53.330 euros.

Esta convocatoria de axudas responde á intención de Educación de estimar o asociacionismo universitario e as actividades de carácter informativo e científico dos estudantes deste ámbito de ensino, como un modo de fomentar o dinamismo na universidade.

Así, poderanse solicitar subvencións para a realización de actividades relacionadas coa difusión da lingua e da cultura galega nas universidades; a sensibilización social e de cooperación para o desenvolvemento; a acollida de estudantes universitarios de fóra de Galicia; a formación e mellora das condicións de estudo e as que vinculan ao estudante universitario co mundo de traballo e o seu futuro; e a organización de reunións e congresos científicos, humanísticos ou formativos, sempre que a finalidade dos mesmos estea directamente relacionada cos obxectivos da asociación e cos desta convocatoria.

A contía máxima da axuda para percibir pola actividade realizada pola asociación non poderá superar os 3.000 euros. Para poder concorrer ás mesmas, as asociacións estudiantís deberán acreditar estar dadas de alta no rexistro dunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e que as súas actividades se desenvolven preferentemente no seo da comunidade universitaria. Ademais, deberán estar constituídas sen ánimo de lucro por estudantes en activo.

As actividades para as que se solicite a axuda serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2006. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do DOG, e o prazo para resolvelas e notificalas será de seis meses contados a partir de hoxe.

Para seleccionar os candidatos constituirase unha comisión avaliadora que terá en conta a memoria das actividades realizadas pola asociación no último ano que esta deberá incluír na súa solicitude.

Segundo esta memoria, a comisión de avaliación atenderá a unha serie de criterios: o interese informativo, científico e social das actividades, o número de estudantes universitarios que participen nas mesmas, a súa repercusión no ámbito estudiantil universitario, o grao de implicación dos estudantes nas actividades e a finalidade da asociación solicitante, e o alcance interuniversitario das iniciativas.

Contenido patrocinado