Educación destina máis de 865.000 euros á execución de obras de mellora de tres centros da provincia de A Coruña

Actualizado: jueves, 15 junio 2006 16:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 867.098 euros á adxudicación dos contratos de tres obras en centros de ensino da provincia de A Coruña, ubicados en Santiago de Compostela, Melide e Ferrol, segundo unha resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito, o departamento educativo autonómico actuará no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Lamas de Abade, de Santiago de Compostela, no que investirá 121.996 euros. Así, na planta baixa deste centro levarase a cabo a obra de renovación de aseos. A empresa adxudicataria desta actuación é Constructora Ediserpo, S.L.

Ademais, Construcciones Abal, S.A. levará a cabo a obra de reparación do CEIP nº 1 de Melide, actuación na que a Administración educativa investirá un total de 254.474 euros.

Por outra banda, achegará 490.628 euros na obra de execución do ximnasio e remodelación de espazos interiores no Instituto de Educación Secundaria (IES) Saturnino Montojo, de Ferrol. O adxudicatario desta actuación é Alicatados y Revestimientos Gómez Crespo S.L..