SANTIAGO DE COMPOSTELA 8 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou 25 bolsas para realizar estudios de posgrado conducentes ao título de máster para as que destina un total de 195.725 euros.
Así o anuciou hoxe nunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a realización de estudos oficiais de posgrao nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para aos que se outorgarán un total de 25 axudas que terán unha contía de 600 euros mensuais.
A duración de cada unha delas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 2006 e setembro de 2007. Ademais, os beneficiarios destas bolsas percibirán o importe de 379 euros en concepto de axuda á matrícula co primeiro pagamento da bolsa.
Estas axudas teñen como finalidade contribuír ao financiamento da formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar conducente ao título de máster favorecendo a posta en marcha do proceso de harmonización do SUG ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que establece novos títulos oficiais de posgrao, e en particular de máster.
O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá mércores ata o 15 de setembro de 2006. Para poder acceder a estas axudas, os solicitantes deben posuír a nacionalidade española ou dun país membro da Unión Europea ou estranxeiro residente en España; e estar admitidos no curso 2006-07 nun dos programas oficiais de posgrao impartidos nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo.
Ademais, aqueles que desexen solicitar estas axudas terán que contar cun expediente académico persoal con nota media igual ou superior a 1,5000, nas epígrafes de ciencias experimentais e da saúde e ciencias sociais, xurídicas e humanidades.
Pola súa banda, na epígrafe de ensinanzas técnicas esta nota deberá ser igual ou superior a 1,0000 punto. Outro requisito co que deberán contar os solicitantes é ter un título universitario oficial, ter cursado 180 créditos ECTS, ou ter superado tres anos de estudo e un mínimo de 180 créditos dos plans de estudos actuais.
A selección dos candidatos será efectuada por unha comisión constituída por tres representantes da Dirección Xeral e Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia e farase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, segundo a nota media do expediente académico persoal do alumno aproximada a catro decimais, ponderada pola media da titulación dos cursos 2002-03, 2003-04 e 2004-05.