SANTIAGO DE COMPOSTELA 2 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai licitar durante a primeira quincena de agosto un conxunto de actuacións por un importe total de 11.593.096,64 euros.
Por unha banda, a Administración educativa autonómica acomete a construción de novos centros naquelas localidades onde a demanda educativa se está a incrementar.
Así, edifícase un Instituto de Educación Secundaria (IES) no Concello de Brión (A Coruña), no que a Consellería de Educación inviste 3.236.433,11 euros; e un Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) en Barbadás (Ourense), por importe de 3.141.518,45 euros. Ademais, amplíanse unidades na Escola de Educación Infantil (EEI) Cristo da Victoria da cidade de Vigo.
A construción destes centros responde ao obxectivo da Consellería de ampliar a oferta educativa mediante centros de ensino públicos integradores do seu contorno e que procuren o menor desprazamento do alumnado.
Por outra banda, o departamento educativo, dentro dos seus obxectivos de planificar e reorganizar os recursos educativos, vai licitar a ampliación do Instituto de Educación Secundaria (IES) Punta Candieira, de Cedeira (A Coruña), por un importe de 1.276.832,43 euros. Con esta actuación dáselle unha solución definitiva e acorde coa demanda da comunidade educativa respecto ao mapa escolar do Concello de Cedeira.
No mesmo senso, a Administración educativa executará as obras de reforma do Colexio de Educación Primaria (CEP) Ramón de Artaza y Malvárez, de Muros. Esta actuación permitirá que nenos e nenas de Muros que acudían a escolas unitarias poidan beneficiarse, ao estaren integrados no devandito centro, de máis infraestruturas deportivas e escolares así como dunha dinámica educativa máis colectiva e, polo tanto, máis enriquecedora.
Ademais, acometerá distintas obras de substitución de centros xa existentes que non reunían as condicións necesarias de idoneidade. Deste xeito, estanse iniciando as obras de demolición do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Couceiro Freijomil, de Pontedeume; e vanse licitar as obras de demolición e nova construción do CEIP de Cangas por importe de 1.434.176,16 euros e do CEIP de Porto Cabeiro, de Redondela.
O departamento educativo galego vai licitar tamén nesta primeira quincena de agosto obras de reforma e acondicionamento do CEIP Curros Enríquez, de A Coruña; así como as actuacións que permitirán a adaptación de espazos e a mellora da accesibilidade no Centro de Educación Especial (CEE) A Barcia, en Santiago de Compostela.
Estas actuacións enmárcanse dentro da política da Consellería de Educación de cara a apostar por un ensino de calidade impartido en centros públicos dignos, dotados de infraestruturas deportivas e informáticas e de equipamentos que dean resposta ás necesidades da comunidade educativa galega.