SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá a excelencia académica dos estudantes galegos no curso 2005-06 con 21 premios extraordinarios de Bacharelato, dotado cada un con 600 euros, segundo recolle unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Así, poderá optar ao premio extraordinario de Bacharelato o alumnado que cursase en centros docentes españois, tanto de carácter público como privado, os dous cursos de calquera modalidade de bacharelato e que finalizase estes estudos na Comunidade galega no ano académico 2005-06.
Ademais, a media das cualificacións obtidas polo estudante nos dous cursos que conforman esta etapa educativa deberá ser igual ou superior a 8,75 puntos. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas.
O prazo de inscrición será dun mes contado a partir de mañá xoves, 22 de xuño, e, para o alumnado que remate o Bacharelato na convocatoria de setembro, establécese un prazo extraordinario de inscrición ata o día 8 de setembro deste ano.
PROBAS
Os alumnos que soliciten estes premios deberán realizar no mes de setembro unha serie de probas que se estruturarán en dúas partes. A primeira delas consistirá nun análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario; e na resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumno como materia común de bacharelato.
Na segunda parte das probas, o alumno deberá desenvolver temas e dar resposta a cuestións e/ou exercicios prácticos de dúas materias cursadas polo alumno segundo as opcións que se recollen nun anexo a esta orde.
Cada exercicio de cada parte da proba cualificarase entre 0 e 10 puntos, e a puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter en cada exercicio, polo menos, cinco puntos e unha cualificación total de 28 puntos ou máis. O prazo máximo para notificar a resolución de concesión dos premios será de seis meses contados a partir de mañá xoves.
O alumnado que obteña premio extraordinario de Bacharelato poderá optar, logo de inscrición, ao premio nacional. A obtención do premio extraordinario será anotada no expediente académico do alumno, así como no seu libro de cualificacións.