A CORUÑA 28 Jul. (EUROPA PRESS) -
A o director da Escola Galega de Administración Pública, Antonio Izquierdo Escribano, e o director xeral de Caixanova, José Luis Pego Alonso, firmaron hoxe un convenio polo que colaborarán na organización do curso para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia que se impartirá a partir do próximo mes de setembro.
O obxetivo do curso é introducir ós empregados públicos con responsabilidades directivas nas técnicas de xestión e as habilidades necesarias para liderar equipos de traballo de alta dirección pública, desenvolvendo competencias directivas innovadoras.
O director da EGAP destacou que "isto é só o inicio dunha colaboración estratéxica coa Escola de Negocios de Caixanova, para avanzar cara unha nova cultura que se soe denominar de modernización da administración". Izquierdo explicou que, neste caso, a modernización se concreta en "saber estar nunha sociedade na que se ten que practicar o goberno multinivel e que ten que saber coordinarse, cooperar e compartir experiencias".
O director da EGAP avogou por "xerar máis capacidade e habilidade que información", e por propiciar unha cultura mixta e de acercamento entre as iniciativas da sociedade civil, das institucións e das entidades privadas, porque "os valores nunha e outra iniciativa son complementarios e en moitos casos converxentes, e creo que está dispostas a entenderse".
José Luis Pego, pola súa banda, destacou que a firma deste convenio supón para Caixanova continuar cun camiño que ven recorrendo dende hai 4 anos, dende a creación da Escola de Negocios da Caixa.
"Somos uns firmes convencidos de que a formación é un dos pilares básicos do progreso dunha sociedade e da mellora das administracións públicas, e debe contribuír a que esas administracións públicas sexan máis eficaces e áxiles, e a que poidan contemplar nunha visión máis ampla de servizo aos cidadáns todas as funcións que a sociedade lles encomendou" afirmou o director xeral.
Pego sinalou que a entidade aportará a experiencia formativa que ten acumulada dende hai 20 anos, e explicou que se fomentará unha metodoloxía baseada en casos prácticos, no intercambio de experiencias, con actividades complementarias coma seminarios e conferencias, e unha serie de elementos enfocados a acostumar os participantes a traballar en equipo.
OBXECTIVOS DO CURSO
Co curso para a obtención do diploma de directivo quérese facilitar un intercambio de experiencias entre os participantes no curso, e entre estes e outros grupos de directivos de Administracións Autonómicas e da Administración Xeral do Estado cos que colaboren en proxectos intergobernamentais.
Ademais, o programa busca resolver os problemas estratéxicos de cada alumno, enfocando a aprendizaxe cara a innovación organizacional e a gobernanza "multinivel" na que están inseridas as organizacións públicas.