A Egap organiza unha viaxe cultural polo Camiño Inglés e un coloquio sobre literatura polo Día das Letras Galegas

Actualizado: martes, 2 mayo 2006 19:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 May. (EUROPA PRESS) -

A Escola Galega de Administración Pública (Egap), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organizará un coloquio e unha viaxe cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas 2006, que a Real Academia Galega lle dedica este a Manuel Lugrís Freire.

O coloquio, centrado na literatura galega actual, terá lugar o 16 de maio, mentra que a viaxe por un tramo do Camiño Inglés desde Santiago á cidade da Coruña desenvolverase o propio 17 de maio, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG) na súa edición de hoxe.

O coloquio terá como tema central a literatura galega no momento actual, e estará moderado por Camilo Franco Iglesias, xornalista, escritor e crítico teatral. Xunto a el estarán Iria López Teijeiro, gañadora do I Premio de novela Biblio-Pazos de Galicia para menores de 25 anos; Diego Ameixeiras Novelle, xornalista e guionista de cine e televisión que acaba de publicar a súa segunda novela; e Paula Carballeira Cabana, contacontos e autora de varios libros de literatura infantil.

Nesta mesa redonda, que se celebrará de 12.00 a 13.30 horas na sede da EGAP en Santiago de Compostela, poderán participar tanto o persoal das administracións públicas como calquera outra persoa interesada.

A xeira cultural, pola súa banda, contará con Felipe Senén López Gómez, historiador e museólogo, como guía. O itinerario que seguirá inclúe o Camiño Inglés a Santiago por terras de Ordes e visitas a diferentes espazos dos concellos de Carral, Cambre e Betanzos; así como ao Pazo de Mariñán, en Abegondo; e ás "industrias da memoria" --Cerámicas do Castro, Museo do Castro de Samoedo-Sad--). Finalizará cun percorrido pola cidade vella da Coruña, con visitas á Fundación Luis Seoane e ao monumento a Curros.

A esta viaxe terá acceso o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia, ata cubrir as 40 prazas (no caso de presentarse máis solicitudes, terá preferencia o persoal da Xunta). Os formularios para inscribirse pódense atopar na edición de hoxe do DOG, e a inscrición na xeira implica a obrigatoriedade de asistir á mesa redonda.