A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a próxima semana dous concertos de cámara na súa sede de Santiago

Actualizado: sábado, 18 febrero 2006 13:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acollerá os vindeiros días 20 e 21 de febreiro, ás 20.30 horas, dous concertos de cámara protagonizados por alumnos deste centro, xestionado pola Consellería de Cultura e Deporte a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem).

Ámbolos dous recitais, de entrada libre ata completar o aforo, foron preparados polos estudantes nas súas clases de práctica de cámara xunto ao pianista ruso Alexander Gold, profesor da Escola de Música Berenguela de Santiago.

As obras que se interpreterán serán, entrouras, de Mozart, Schubert, Schostakovitch, Beethoven, Haydn e Salomon, Franck e Stravinsky.

O primeiro dos concertos dará comezo co Quinteto KV 452, de Mozart, a continuación, o Trío Op. 99, de Schubert e, na segunda parte, o Quinteto Op. 57, de Schostakovitch. Polo que respecta ao martes, a primeira parte do programa inclúe o Trío Op. 1 nº 3, de Beethoven, e o Quinteto da Sinfonía nº 97, de Haydn e Salomon. Na segunda parte, soarán a Sonata para frauta e piano de Franck e a Suite L'histoire du soldat, de Stravinsky.