A Escola Náutica portomeloxo.com oferta o primeiro curso de Patrón de Embarcacións de Recreo 'on-line'

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 23 junio 2006 17:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Escola Náutica portomeloxo.com acaba de sacar ao mercado o primeiro curso en Galicia de Patrón de Embarcacións de Recreo (PER) por Internet e chegou a un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para que os seus alumnos e o persoal poidan beneficiarse dun desconto na súa contratación.

O título de PER é obrigatorio para o manexo de embarcacións de lecer e habilita para pilotar barcos de ata 12 metros de eslora ata 12 millas da costa, atribucións máis que suficientes para a maioría dos navegantes, polo que é a titulación náutica máis demandada. Coa posta en marcha deste curso 'on-line', a USC entra a formar parte do restrinxido club de entidades que están a aplicar as novas tecnoloxías nas prácticas deportivas e de lecer.

Os cursos presenciais, que portomeloxo.com xa impartía na USC, teñen unha duración de 40 horas e o exame oficial é tipo test. Agora, coa modalidade por Internet, os alumnos non teñen que asistir a clase e poden deseñar os estudos a súa medida.

Esta actividade 'on-line' foi realizada por un amplo equipo multidisciplinar composto por titulados da Escola de Deseño de Ferrol e mariños mercantes e informáticos de toda Galicia, e contou coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia.

Plenamente titorizado, o curso conta coas "máis contrastadas innovacións" no campo das ensinanzas náuticas e resulta "de gran sinxeleza e eficacia". Cartas náuticas virtuais, centos de exercicios e exames autoavaliables, animacións, cadros sinópticos e outras ferramentas baseadas nas últimas tendencias do e-learning están así a disposición dos alumnos na rede.

Ademais, para a realización das prácticas de navegación oficiais que deben facerse despois de ter superado o exame teórico, a Escola Náutica portomeloxo.com pon a disposición dos seus alumnos a súa flota con bases en toda Galicia, tamén a un prezo reducido.

O persoal e alumnos da USC interesados poden realizar a súa inscrición a través do 'banner' que atoparán na páxina web do Servizo de Deportes da Universidade de Santiago.

Contenido patrocinado