Estudantes dunha universidade alemá asistirán hoxe a dous seminarios sobre literatura galega e a iconografía xacobea

Actualizado: martes, 14 febrero 2006 10:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de estudantes e profesores da Universidade alemá de Kiel asistirán hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG), en Santiago, a dous seminarios sobre literatura galega e iconografía xacobea. Trátase de 25 estudantes de literatura, historia e arte, que viaxan acompañados por tres profesores, entre eles o galego Javier Gómez Montero.

Os seminarios iniciaranse ás 10.30 horas no salón de actos do CCG. O primeiro deles, que es desenvolverá en alemán, versará sobre o "Mito e novela de Santiago de Compostela", con especial dedicación ás obras de Gonzalo Torrente Ballester --"Fragmentos de Apocalipsis" e "Compostela y su ángel"-- e de Suso de Toro --"Trece badaladas" e "Ambulancia"--. Precisamente, varios estudantes do grupo que visitará o CCG traballan actualmente na tradución de "Compostela y su ángel" ao alemán.

O segundo seminario, que terá como lingua de traballo o francés, analizará a iconografía xacobea e a súa dimensión no Camiño de Santiago. O grupo, que chegará esta tarde á praza do Obradoiro, tivo a oportunidade de percorrer desde Astorga este itinerario e mesmo de cubrir a pé tres tramos da ruta xacobea.

No CCG serán recibidos polo presidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz, e polo secretario e coordinador da Sección de Lingua, Henrique Monteagudo. Xa pola tarde visitarán a sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, en Santiago, e asistirán a unha sesión de traballo con Carmen Becerra, profesora da Universidade de Vigo e directora cultural desta Fundación.