Euloxio Rodríguez Ruibal avoga por criterios culturais e artísticos fronte aos mercantís na producción audiovisual

Co seu ingreso na RAG os profesores da USC ocupan xa máis dun terzo das cadeiras

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 marzo 2006 22:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

O dramaturgo e ensaísta Euloxio Rodríguez Ruibal, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, incorporouse hoxe á Real Academia Galega (RAG) como académico de número nunha cerimonia celebrada no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, no marco da que avogou por criterios culturais e artísticos fronte aos mercantís na producción audiovisual.

No acto, Rodríguez Ruibal, que sustitúe a Antonio Meixide Pardo, deu lectura ao seu discurso de ingreso baixo o título 'Do escénico e o fílmico. Notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo' e, en nome da Academia, respondeulle Xosé Luís Axeitos Agrelo. Con esta incorporación, os profesores da USC ocupan xa máis dun terzo das cadeiras da RAG.

"Soñamos cun cinema, cun sistema audiovisual, e mais cun sistema teatral, para o noso país que amose con xurdio vigor artístico a nosa identidade cultural, un sistema independente e xenuíno, cumpridamente normalizado; mais tamén aberto a tódolos ventos que a rosa decote sinala", destacou Rodríguez Ruibal na súa intervención.

O académico sinalou que en Galiza, "periferia das periferias", a comunicación audiovisual acadou "certa auxe" nos últimos tempos e chamou a atención sobre a necesidade do seu "decidido estímulo e fomento, dunha medrante e axeitada potenciación e dunha óptima distribución, tanto no país como no exterior; é dicir, todo o que contribúa a normalizar de forma digna un audiovisual de noso".

Rodríguez Ruibal, que expresou a súa "profunda gratitude" aos académicos da institución, sinalou que entra na "xa por sempre centenaria Real Academia Galega, renovada e anovadora" para contribuír, na medida dos seus folgos e coñecementos, "a conquerir o eterno futuro da común lingua e da cultura que soñaron en outro tempo devanceiros e precursores, os vellos mestres galeguistas, e que soñamos in hoc tempore todos".

CURRÍCULO

O novo académico é fundador e director da galería de arte Citania e codirector da revista de estudos artísticos e literarios do mesmo nome, Rodríguez Ruibal e doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola USC. O novo académico é ademais membro do Consello Asesor da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, ex presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e membro do Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago.

Asemade, é autor de diversas obras, tanto teatrais como de narrativa e ensaio, polas que obtivo os premios Abrente (1973 e 1975), Álvaro Cunqueiro (1989) e Valle-Inclán (2005). Coa súa incorporación á Real Academia Galega, Euloxio Rodríguez convértese no único membro da actual corporación pertencente ao mundo do teatro, onde ocupará a cadeira do historiador Antonio Meixide Pardo.

Contenido patrocinado