A CORUÑA 25 Abr. (EUROPA PRESS) -
Expertos de toda Galicia participarán os vindeiros 27 e 28 de abril en Santiago de Compostela nunhas xornadas que analizarán a Lei de promoción da autonomía persoal e atención a persoas dependentes aprobada polo Consello de Ministros o pasado venres.
A deputada responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero, e Normalización Lingüística da Deputación de A Coruña, Margarida Vázquez, e a presidenta do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social de Galicia, Pilar Couce, presentaron hoxe, na sede da institución provincial, estas xornadas, que se desenvolverán na Consellería de Sanidade.
Segundo explicou a deputada provincial, diversos especialistas analizarán, dende diferentes puntos de vista a citada lei, que, entre outras cuestións, contempla a regulación e extensión a toda a sociedade de servizos como a axuda a domicilio, os centros de día e noite ou os servizos de axuda persoal.
Margarida Vázquez indicou que as xornadas "pretenden ofrecer unha visión xeral dos cambios que vai a traer a aprobación desta Lei con respecto do traballo a facer nos servicios sociais municipais a partir de xaneiro de 2007". Engadiu que tamén pretenden dar "unha visión das repercusións, en base á realidade galega, que vai a ter a nova legislación na provincia da Coruña".
CONVENIO
Margarida Vázquez anunciou tamén que en próximas datas se asinará un convenio de colaboración entre a Deputación e o Colexio de Diplomados en Traballo Social, entidade que colabora na organización destas xornadas, co obxectivo de "ampliar a formación necesaria" para todos os profesionais que están traballando nos servicios sociais, principalmente nos concellos.
Pola súa banda, a presidenta do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social de Galicia, Pilar Couce, agradeceu a boa disposición da Deputación de A Coruña para colaborar na formación destes profesionais e considerou que a nova Lei "potenciará notablemente o desenvolvemento dos servicios sociais como cuarto pilar do Estado do Benestar".
As xornadas comenzarán o xoves 27 de abril cun relatorio de Gustavo García, fundador do Observatorio da Dependencia sobre o anteproyecto de Lei de promoción da autonomía persoal e atención a persoas dependentes, aspectos que analizará tamén na súa disertación a socióloga Ximena Campos.
A xornada rematará cunha mesa redonda sobre as repercusións da devandita lei nos diferentes sectores da sociedade. O último día intervirán a secretaria xeral de Benestar da Xunta de Galicia, María Xesús Lago, e a deputada provincial, Margarida Vázquez.