A explosión da pirotecnia de Ourense é a cuarta que se produce en Galicia este ano e a máis grave

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 8 septiembre 2006 17:28

SANTIAGO DE COMPOSTEla 8 Sep. (EUROPA PRESS) -

A esplosión hoxe de Pirotecnia Melias, situada na parroquia do mesmo nome do municipio ourensano de Pereiro de Aguiar, é a cuarta que se rexistra este ano neste sector en Galicia e a máis grave porque provocou a morte de dúas persoas, os irmáns Emilio Fernández Pato, de 62 anos de idade, e Josefa, de 58 anos.

O primeiro dos accidentes nunha pirotecnia galega este ano produciuse o 13 de febreiro nunha empresa do lugar de Solláns, na parroquia de Calo do municipio coruñés de Teo, que non provocou feridos pero si importantes danos materiais, xa que afectou a máis dunha trintena de vivendas situadas nas inmediacións.

Posteriormente, o 9 de xullo, unha explosión nunha fábrica pirotécnica con máis de 100 anos de actividade no lugar de Areas, no municipio coruñés de Paderne, destruíu completamente dúas casetas e orixinou un incendio na zona que obrigou a desaloxar vivendas próximas ao lugar. Malia que a onda expansiva fixo chegar restos da explosión ata un radio de 50 metros, non houbo que lamentar feridos.

Só sete días despois deste sinistro, o 16 de xullo, ata catro estoupidos na Pirotecnia Calvo, situada na parroquia de Erbecedo do municipio coruñés de Coristanco, provocaron cuantiosos danos nun radio de dous quilómetros que ocasionaron danos nun centenar de vivendas, aínda que tampouco se rexistraron feridos.

Así, o accidente de hoxe na Pirotecnia Melias é o máis grave dos catro que se produciron na comunidade galega nun período de só de sete meses. O subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo, confirmou que a fábrica de Pereiro de Aguiar, a máis antiga das sete que operan na provincia de Ourense, tiña todas as autorizacións "en regra".

CONSECUENCIAS

Pirotecnia Melias, un negocio familiar fundado hai 80 anos, sufrira dous accidentes laborais anteriores, pero ningún deles provocara graves consecuencias nin feridas aos seus traballadores. A empresa está situada nunha zona de monte, afastada dos núcleos de poboación, pero a detonación puido escoitarse na cidade de Ourense, a 10 quilómetros da súa localización.

O accidente produciuse sobre as 11.20 horas nunha pequena caseta de mesturas onde os dous irmáns falecidos manipulaban pólvora, cando se iniciou un incendio que provocou a explosión. A onda expansiva rompeu os cristais dos edificios próximos e chegou a alcanzar un vehículo que se atopaba estacionado na zona, ademais de derruír completamente a caseta, aínda que os outros tres empregados que se atopaban no lugar nese momento resultaron ilesos.

Contenido patrocinado