SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 May. (EUROPA PRESS) -
A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC) acollerá entre os días 18 e 24 de maio un foro de emprego dirixido aos licenciados e alumnos dos últimos cursos dese centro, así como a físicos e informáticos, coa intención de informarlles das posibilidades laborais que se lles ofrece o mercado laboral.
O foro organízao dende o curso 2001-02 o Decanato da Facultade de Matemáticas, que o pasado ano dada a demanda das empresas participantes decidiu ampliar a súa oferta a estudantes do 2º ciclo e licenciados de Físicas e a matriculados do 2º e 3º ano ou titulados de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas.
No Foro, cuxa asistencia é convalidable por un crédito de libre configuracion, participan empresas que teñen incorporado ou pretenden incorporar persoal cun perfil que os matemáticos, físicos e informáticos poden satisfacer, segundo informou hoxe nun comunicado de prensa a USC.
En cada xornada as empresas expoñerán aos asistentes as súas actividades, servizos, estrutura e tipo de tarefas ás que se dedican os traballadores, ademais do perfil formativo que máis lle interesa. Algunha delas aproveita tamén o foro para realizar probas de selección e entrevistas aos alumnos ou licenciados.
As empresas participantes son maioritariamente do ámbito da informática e das tecnoloxías da información e comunicación. Por outra banda, tamén están presentes organismos públicos de promoción de emprego e integración de xoves na vida profesional e prográmanse algunhas conferencias a cargo de licenciados recentes que traballan en algún sector laboral representativo.
Así, participarán na edición deste ano Altia Consultores, a Área de Orientación Laboral da USC, a Oficina de Servizos Integrados para a Xuventude, BBVA, Caixa Galicia, Coremain, Coritel, a Subdirección Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción e Emprego, a Delegación Provincial de Traballo, DMR Consulting, EURES-Euroconsejero da Coruña, o Instituto Galego de Estatística, Uniemprende, Uninova, Unirisco e responsables de posgraos en Matemáticas, Física e Informática.
As xornadas desenvolveranse en horario de tarde en sesións nas que cada unha das empresas participantes exporán as súas ofertas e procedementos de selección, agás o mércores 24, no que durante todo o día os asistentes poderán elaborar e revisar currículos nun obradoiro de traballo e realizar entrevistas individuais para a empresa Coritel.