Fernández Lores traslada ao CES que Pontevedra é a cidade que máis medra de Galicia

Actualizado: miércoles, 8 marzo 2006 20:51

PONTEVEDRA, 8 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Consello Económico e Social de Pontevedra recibíu do alcalde, Miguel Fernández Lores, unha exposición sobre os orzamentos municipais para este ano, así como a Memoria da Alcaldía que os acompaña, e outras informacións sobre os indicadores que "demostran a boa marcha da economía local", segundo fontes municipais.

En concreto Fernández Lores aportou datos segundo os cales "Pontevedra é a cidade que máis medra de Galiza, donde existe maior crecemento vexetativo, a que mantén unha poboación de menor idade e coa máis elevada taxa de natalidade".

Durante 2005 Pontevedra pasou de ser a última das sete grandes cidades de Galicia a ser a sexta, con 80.195 habitantes, e "cunha progresión de case un milleiro de veciños gañados cada ano". Fernández Lores tamén expuso o incremento de nenos de entre 0 e 4 anos, o que para o goberno local "indica que a poboación está rexuvenecéndose e que o índice de fecundidade tamén medra".

En canto ao tecido empresarial, en 2005 incrementouse en 524 o número de empresas, o que se interpreta como un indicador de "gran dinamismo da economía local". Entre 2000 --ano no que se contabilizaban 6.402 empresas-- e 2005 produciuse un aumento de 1.644 empresas máis, segundo os datos dos departamentos económico-fiscais do concello.

O Goberno local relaciona eses datos económicos co número de automóbiles censados na capital, que no último ano medrou de 46.242 a 48.849, segundo a información actualizada.

As cifras relativas a emprego facilitadas pola Tesourería Xeral da Seguridade Social revelan que entre novembro de 2005 e marzo de 2006 Pontevedra ten 110 afiliados máis á Seguridade Social, pasando de 39.774 a 39.884. Pola contra, Vigo pasou de 141.379 a 140.114 afiliados e a provincia diminuiu o número de afiliacións de 360.925 a 356.820.