A Fundación Granell de Santiago acolle unha exposición sobre as diferentes interpretacións da figura do Apóstolo

Actualizado: lunes, 10 julio 2006 19:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell na capital galega, acolle a exposición "Santiago no Museo Granell". A través de pezas en formatos e técnicas diferentes, a mostra propón unha pequena viaxe a través da ollada que diferentes culturas fan do Apóstolo Santiago.

A maioría das pezas pertencen á arte ritual de diferentes países latinoamericanos como Cuba, Porto Rico e outros, aínda que tamén hai pezas de heráldica, de diferentes pobos. Ademais amósase a visión persoal que sobre a figura e o mito de Santiago fan dous artistas de diferentes latitudes: o fotógrafo galego Luis López, Gabú, e o pintor surrealista holandés Rick Lina.

Segundo informou o Concello e a entidade organzadora, as pezas desta exposición aportan diversas visións sobre a figura de Santiago Matamouros, santo utilizado como estandarte da conquista de América.

Debido a esta carga de forza que arrastra a figura de Santiago Apóstol mesmo dende a reconquista española, adoita identificarse en Latinoamérica con deidades autóctonas como Ogún, deus que representa ideas de forza como a da treboada, a forxa dos metais ou a guerra.

Pero tamén existen interpretacións sobre a lenda da viaxe do corpo do Apóstolo a través dos mares, como a da localidade portorriqueña Loiza Aldea, onde aparece de novo a tantas veces repetida lenda da aparición milagreira dunha imaxe dun santo a cabalo. Neste pobo contan os máis vellos que deste xeito comezou o culto a Chaguito, ou o Santiago Apóstolo de Loiza Aldea.