Galaxia edita 'Lukumí', a nova novela de Alfredo Conde que narra a colonización de Cuba a través da historia dun mulato

Actualizado: miércoles, 1 febrero 2006 18:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Editorial Galaxia edita 'Lukumí', a nova novela do escritor galego Alfredo Conde (Allariz, 1945), adiántandose así a edición en castelán que presentará Bruguera, na que narra a colonización de Cuba, centrada na histopria do mulato Estevo, marcado por dúas culturas; a do seu pai e a da súa nai, descendente de escravos africanos.

En 'Lukumí', Alfredo Conde deixa que sexa o protagonista da novela quen conte a historia da familia da súa nai, bailarina do famoso cabaret Tropicana, e máis da súa avoa materna, orgullosa de desdencer de escravos lukumís, unha xinea africana cuxos membros preferiron suicidarse antes que seguir en escravitude.

A novela tamén vai descubrindo progresivamente a outra historia da familia do mulato Estevo, fillo dun galego chegado a Cuba para colaborar na creación da nova sociedade comunista, tarefa da que axiña se decepciona.

As ilusións frustradas acaban por modelar o destino de Estevo, que, cunha voz descrida e escéptica, vai narrando, a traves da historia familiar e da súa propia experiencia, a colonización de Cuba, o devalo da revolución e a esperanza frustrada da utopía internacionalista. Cunha prosa fluída, que encadea feitos, anécdotas e digresións, a novela sitúa ao lector ante o último e, quizáis, definitivo desengano; as miserias do capitalismo.

Alfredo Conde é un dos narradores galegos máis coñecidos polo público lector e recibiu o Premio Nacional de literatura no ano 1984 con 'O grifón', obra gañadora tamén do Blanco Amor, Premio da Crítica Española e Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira. Tamén é autor doutros libros de relatos coma 'Mementos de vivos', 'Música Sacra', 'Breixo', 'Memoria de Noa', 'O fácil que é matar', 'Azul Cobalto' e 'Romasanta'.