O Igaem anova a súa web con información de todas as súas actividades, de convocatorias e da carteleira de espectáculos

Actualizado: lunes, 10 julio 2006 17:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) da Consellería de Cultura e Deporte estreou a súa renovada páxina web oficial (http://igaem.xunta.es), elaborada na súa configuración e nos seus contidos para ser o principal instrumento comunicacional do organismo co sector da música, o teatro e a danza en Galicia, ademais de manter canles abertas de participación e información co público xeral.

Segundo salientou hoxe Cultura, a posta en funcionamento desta nova páxina, que substitúe á que ocupaba até agora ese mesmo dominio, é o primeiro paso dun proceso máis amplo de optimización de todos os soportes web do Igaem, xa que nos meses vindeiros verán a luz novas aplicacións de utilidade e se integraran outras páxinas cos seus dominios propios, tarefa que se iniciará para os casos concretos do Centro Dramático Galego e da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Na nova web do organismo dependente de Cultura óptase por destacar as seccións que darán a coñecer puntualmente a xestión e as actividades do Igaem, mediante amplos apartados de novas, de avisos e de carteleira que se incorporan á portada, ademais dunha entrada directa á consultoría laboral, fiscal e contable aberta ás empresas do sector como un dos principais servizos en liña que se prestan diariamente.

Ao mesmo tempo, a reconstrución pasou pola necesaria adecuación á normativa comunitaria en canto á accesibilidade e usabilidade que se esixen aos contidos depositados en internet por parte das institucións e organismos públicos.

UNIDADES DE PRODUCIÓN

Desde a mesma páxina de inicio establécense os menús de acceso aos principais programas e centros de produción do Igaem, como son a Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Centro Dramático Galego-Salón Teatro, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Grupo de Música Tradicional, o Centro de Documentación ou a Feira das Artes Escénicas de Galicia. Neste último caso, a través da pestana que se corresponde, ábresea páxina feiradasartesescenicas.com, que serviu á recentemente celebrada edición 2006 deste evento.

O boletín e-scena ocupa así mesmo un módulo salientable nesta nova estrutura web, xa que desde o novo portoal poden acceder a todos os números editados. Tamén hai lugar para todo tipo de información corporativa do Igaem e das súas convocatorias de axudas e premios, así como distintos descritores tanto sobre o seu funcionamento interno como dos seus proxectos externos en curso.

Completan os contidos dispostos na anovada web o catálogo de publicacións do organismo, unha clasificación de ligazóns de interese e a posibilidade de acceder á suscrición para os apartados de novas e de carteleira.