O Igaem crea o Premio Manuel María de literatura dramática infantil cunha dotación económica de 4.000 euros

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 7 junio 2006 20:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) acaba de crear un novo galardón teatral, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, a través da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) xunto á do XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais.

Este novo galardón, ao que poden optar obras dirixidas especificamente ao público infantil, conta cunha dotación económica de 4.000 euros, ademais de posibilitar a publicación da obra gañadora de acordo coa finalidade de difusión cultural do IGAEM.

As bases establecen, así mesmo, a edición do texto que resulte galardoado nesta décimo quinta edición do Premio Álvaro Cunqueiro, o de máis longa traxectoria de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, dotado con 6.000 euros.

O período de admisión de orixinais remata o vindeiro 7 de agosto para ambos premios, aos que poderán optar textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme á normativa vixente, non representados e non premiados anteriormente noutros concursos.

Contenido patrocinado