SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a da Coruña (UDC) e a de Vigo (UDV) viron recoñecida a súa longa traxectoria académica e investigadora no eido das matemáticas coa concesión dun dos proxectos 'Consolider' enmarcado no programa 'Ingenio 2010' denominado 'Mathematica', e que está dotado con 7,5 millóns de euros en cinco anos.
Os grupos galegos terán unha especial relevancia no desenvolvemento de dúas plataformas previstas dentro deste proxecto, a plataforma 'Mathematica consulting' e a 'Mathematica computing', nas que participarán un nutrido grupo de investigadores galegos, 62 en total, procedentes das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo que serán coordinados polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), organismo que recibirá un cofinanciamento especial da Xunta de Galicia, informou hoxe a USC.
O catedrático da USC Alfredo Bermúdez de Castro formará parte do Consello de Dirección de 'Mathematica' e a profesora da universidade compostelá Peregrina Quintela asumirá a representación do nodo galego no Comité de Xestión do proxecto.
'Mathematica consulting' pretende potenciar as actividades de transferencia de coñecemento e de tecnoloxía do colectivo de matemáticos españois, para iso fomentará a investigación interdisciplinar en colaboración con outros colectivos académicos e a transferencia de tecnoloxía matemática ó ámbito empresarial e industrial.
Así, ocuparase da intensificación das colaboracións ligadas ao desenvolvemento tecnolóxico e a innovación entre os grupos de investigación do proxecto 'Mathematica' e os correspondentes na industria. Estas colaboracións referiranse, esencialmente, a problemas susceptibles de ser tratados con métodos matemáticos e estatísticos.
Pola súa banda, a outra plataforma na que tamén traballan os investigadores galegos e na que o Cesga xogará un importante papel, segundo puntualizou a institución académica, 'Mathematica computing', levará a cabo, entre outras actuacións, a instalación dun 'Grid Computacional' específico para a Matemática que permita compartir os recursos dos diversos grupos de investigación, e porá en marcha un repositorio de software.
ACTUACIÓN ESTRATÉXICA
O proxecto 'Mathematica' é unha proposta singular que desenvolverá un Programa de Actividade Investigadora (PAI), integral para a matemática española, co obxectivo básico de promover e executar actuacións estratéxicas de ámbito estatal que incremente cualitativa e cuantitativamente o peso da matemática no sistema de ciencia, tecnoloxía, empresa e no panorama internacional.
Promoverá a investigación interdisciplinar desde as Matemáticas fomentando un cambio de actitude nos matemáticos, e nos usuarios das matemáticas, o que lles permita a ambos os dous posicionarse nos campos científicos emerxentes nos que a matemática ten un papel básico nos vindeiros anos.
Estrutúrase en torno a un Investigador Coordinador, unha Entidade Xestora, un Consello de Dirección, cinco nodos, e máis de 300 Grupos de Investigación do ámbito das Matemáticas, financiados a través do Proxecto Nacional de I+D+i. A iniciativa nace coa vocación de contribuír á creación do Centro Nacional de Matemáticas.
TRES VÍAS
Os obxectivos estratéxicos que se perseguen coa execución deste PAI serán executados por diversas plataformas. Así, ademais das mencionadas creáronse cinco plataformas máis cos seus correspondentes obxectivos.
O programa estrutúrase en tres vías que son Cenit, Consolider e Avan@. Cenit pretende aumentar a cooperación pública e privada en I+D+i mediante a constitución dos Consorcios Estratéxicos Nacionais de Investigación Tecnolóxica. Pola súa banda, Consolider ten como obxectivo promover a investigación, mediante proxectos conxuntos con grandes consorcios e centros estables, e finalmente, Avanz@ pretende alcanzar a media europea nos indicadores da sociedade da información.