Letras Galegas.- O presidente da Xunta participa hoxe en Padrón (A Coruña) nunha homenaxe a Manuel Lugrís Freire

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 11:28

Xunta e Real Academia presentan en formato dixital a obra completa do autor e unha escolma da obra do autor homenaxeado

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

A vila de Padrón (A Coruña) acollerá hoxe uns actos organizados conxuntamente pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e a Casa Museo de Rosalía de Castro, que contarán coa presencia dos máximos responsables das tres institucións.

Así, o xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, presidirá hoxe na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, un acto de celebración do Día das Letras Galegas no que se fará unha presentación da obra completa de Manuel Lugrís Freire, homenaxeado este ano. Posteriormente, e dado que o 17 de maio coincide coa celebración do Día Mundial de Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o máximo mandatario autonómico presidirá na Praza do Obradoiro o acto que conmemorará esta data.

O presidente da Xunta chegará á Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12.00 horas, onde será recibido pola presidenta do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, e os membros do Comité Executivo da mesma.

Tras asinar no libro de honra e reunirse coa executiva da Fundación, Touriño desprazarase ao auditorio, no que terá lugar o acto co gallo das Letras Galegas. Nel, Luis Axeitos Agrelo, membro da Real Academia Galega, fará unha presentación da obra completa de Manuel Lugrís Freire, autor homenaxeado este ano. O acto tamén contará coa presenza do presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e será amenizado polo dúo de arpa Sete Saias.

Os asistentes serán agasallados cunha pulseira electrónica que contén unha escolma feita pola RAG da obra de Lugrís Freire, cuxos contidos coinciden cos do bolígrafo electrónico que terán ao seu dispor os membros da Mesa Presidencial. A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta foi a encargada de dixitalizar esta escolma, que recolle creacións poéticas e teatrais de Lugrís Freire, así como contos e a gramática da súa autoría, ao tempo que presenta portadas orixinais das súas obras.

DÍA DE INTERNET

Xa pola tarde, o presidente da Xunta desprazarase ata a Praza do Obradoiro, en Santiago, espazo que acollerá un acto con motivo da celebración do Día Mundial de Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

No decurso deste acto, Emilio Pérez Touriño interactuará co can-robot Axóuxere e participará nun chat con Jorge Álvarez, presidente do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais, que se atopa en Arxentina. A celebración contará, entre outros, coa participación de Ramón Bermúdez de Castro Olavide, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e presidente da Asociación de Telecomunicacións de Galicia.

Por outra banda, Emilio Pérez Touriño ten previsto asistir mañá aos actos que terán lugar en Sada (A Coruña), organizados pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas 2006 en homenaxe a Manuel Lugrís, nado nesta vila.