Letras Galegas.- Sada (A Coruña) acollerá mañá a sesión plenaria adicada a Manuel Lugrís, quen naceu nesta vila

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 19:07

O Concello de Sada organiza actos complementarios e anima a todos os galegos a achegarse a coñecer a figura do persoeiro homenaxeado

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) celebrará mañá oficialmente o Día das Letras Galegas, conmemoración instaurada desde 1963 na data do 17 de maio, e desenvolverá en Sada (A Coruña) unha sesión plenaria que terá como protagonista a Manuel Lugrís, persoeiro ao que se rendirá homenaxe este ano.

Así, o Auditorio Museo Carlos Maside, en Sada, acollerá a sesión plenaria extraordinaria e pública coa que a Academia conmemorará a data adicada á literatura e lingua galega. Está previsto que o acto comece ás 12.30 horas do mércores coas intervencións dos académicos Xosé Luis Axeitos Agrelo, Xosé Neira Vilas e Xesús Ferro Ruibal, para que sexa o presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, o que peche o acto.

Está previsto que a este solemne acto acudan diversos persoeiros do mundo da política, entre eles, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e outros membros do goberno galego, como a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; así como do mundo da cultura e doutros ámbitos.

A vila de Sada acollerá este ano os actos organizados pola Real Academia Galega, en colaboración co Grupo Sargadelos, por ser o lugar no que naceu o autor ao que este ano se adica o Día das Letras Galegas. Lugrís naceu nesta localidade coruñesa o 11 de febreiro de 1863 e morreu o 15 de febrerio de 1940 na cidade da Coruña.

O plenario da Real Academia Galega, reunido o pasado 2 de xullo de 2005 na Coruña en sesión ordinaria, acordou dedicar o 'Día das Letras Galegas de 2006' a Manuel Lugrís Freire pola súa contribución en defensa do idioma galego. Así, considera que a biografía e a obra de Lugrís mostran "unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais".

OUTROS ACTOS EN SADA

Ademais do principal acto institucional do 'Día das Letras Galegas', a vila de Sada acollerá tamén mañá outras actividades nas que se homenaxeará a Manuel Lugrís Freire, neste caso organizadas polo Concello.

O alcalde de Sada, Ramón Rodríguez Ares, convidou "a todos os galegos a que se pasen polo noso pobo, para que celebre no epicentro da festa o Día das Letras Galegas e, á vez, coñezan un pouco máis de preto a figura de Don Manuel Lugrís Freire, un sadense inolvidable, un galego imprescindible".

Os actos organizados para esta data polo Concello de Sada, ademais dos que xa se desenvolveron ao longo desta última semana, inclúen un concerto na Casa da Cultura 'Pintor Llorens'.

Así, ás 12.00 horas, media hora antes de que de comenzo o acto da RAG, a Banda de Música Municipal de Sada, o Coro infantil e a Escolanía xuvenil ofrecerán un recital. Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, haberá un acto cultural que contará coa participación de diversas personalidades do mundo da Cultura.

O profesor de Lingue e Literatura galega e crítico literaio, Ramón Nicolás Rodríguez, e o escritor e profesor Henrique Rabuñal repasarán avida e a obra de Manuel Lugrís, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.