María Xosé Queizán participará mañá nun obradoiro de creación literaria en Forcarei (Pontevedra)

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 22 agosto 2006 19:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

A escritora viguesa María Xosé Queizán participará mañá en Forcarei (Pontevedra) nun obradoiro de creación literaria, que está promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Os Obradoiros de Creación Literaria son impartidos polos socios e socias da AELG ao longo de toda Galica nos diversos campamentos de verán xestionados pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza.

Mañá, en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, o Campamento Xuvenil "Ponte Maril", de Forcarei, contará coa presenza de María Xosé Queizán. A escritora viguesa participa nesta iniciativa co interese de dar unha nova alternativa para o goce do tempo de lecer da xuventude, e aproveitando o marco lúdico dos campamentos de verán, convivirá cos mozos e mozas do campamento para achegalos aos segredos da creación literaria.

Segundo indicou hoxe a AELG, os obxectivos que orientan a organización destes obradoiros pretenden o goce do texto literario durante a infancia e a adolescencia como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo para facer da literatura unha ferramenta comunicativa que dea sentido á experiencia persoal e colectiva, para entender o pasado, o presente e o futuro, e para explorar os límites e as posibilidades expresivas da linguaxe.

Estes obradoiros foron concibidos tamén como unha oportunidade de achegar á mocidade os autores e autoras de Galicia e á súa obra, e así coñeceren a realidade cultural do país, lembrou a asociación.

Contenido patrocinado